Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CONTRA A EXCLUSIVIDADE DA XESTIÓN PÚBLICA

O BNG pídelle ao Goberno que Fene non vexa limitada a capacidade de construcción naval

Os nacionalistas galegos lamentan a situación na que se atopa o estaleiro de Fene logo de que este pasara a pertencer á empresa pública Navantia no 2004. Para reconducir a dinámica produtiva da fábrica, Jorquera levará mañá ao Senado unha moción na que solicita que o estaleiro galego teña capacidade para posuir unha carteira estable de pedidos que asegure a actividade na planta.

- 17:32 08/05/2006
Tags:

Na iniciativa, o BNG solicita ademais ao Goberno que Fene poida contratar proxectos propios, "tendo en conta a capacidade produtiva e tecnolóxica do estaleiro" e que se superen as actuais limitacións á construcción naval civil, renegociando coa Unión Europea os termos do actual acordo.

Nese convenio coa UE quedou estipulada a limitación de que os contratos de construcción civil non poderán superar o 20 por cento da facturación total da empresa "imposibilitando de facto" outra actividade que non sexa a establecida pola Unión Europea. Neste sentido, o BNG quéixase de que o estaleiro de Fene leva sen carga efectiva de traballo desde o 2003 e que o seu persoal se atopa parcialmente desprazado ás instalacións de Ferrol.

Ademais, e tendo en conta o repunte que experimentou a construcción naval europea nos últimos anos, o BNG solicita que a Sociedad Española de Participaciones Industriales (SEPI) recolla como cómputo as infraestructuras, capacidade real e actividade dos estaleiros para poderlle adxudicar un traballo, e non só os que se refiren ao cadro de persoal que permanece logo da reconversión, "xa que ese é un criterio que non se axusta á realidade".

De modificarse tamén o raseiro da SEPI, e aceptados os puntos que o BNG presentará mañá na Cámara Alta, Fene podería "ver aproveitadas as súas infraestructuras e potencialidades" e deixarse de construir mateiral de recheo para a factoría de Ferrol nun papel de compañía auxiliar que non lle corresponde.


0/5 (0 votos)