Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ESTABA ANUNCIADO PARA ESTA SEMANA

Unha débeda coa Xunta podería dificultar o nomeamento de Antonio Simón no CGAI

A presidencia da Xunta aínda non sabe cando comezará Antonio Simón o seu traballo á fronte do CGAI. Tal como anunciaba o pasado 28 de abril, esta semana tiña que producirse o nomeamento, pero foi adiado. Na Secretaría Xeral de Comunicación din non saber cando se fará e que o retraso se debe a "temas administrativos". Pero poida que non sexa así e que a Xunta estea repensando o nomeamento de Simón pola posíbel saída á luz dunha débeda contraída polo cineasta no 1999 coa consellaría de Cultura, por non devolver unha subvención concedida a unha película que nunca se produciu.

- 19:04 05/05/2006
Tags:

A decisión de nomear a Simón, cineasta, escenógrafo e secretario xeral do PSOE en Sada, coñeceuse o pasado 27 de abril e parecía poñer fin ás retesías no bipartito polo control do Centro Galego das Artes da Imaxe, que o BNG quería conservar na consellaría de Cultura pero que finalmente levou o PSOE para Presidencia. Interpretouse que a escolla de Simón respondía aos intereses do PSOE coruñés por non perder o control no CGAI, e procedeuse á substitución do anterior director do centro, Xosé Luís Cabo.

O 28 de abril a Xunta anunciáballes aos medios o nomeamento de Simón para esta semana que remata, pero non se produciu. En Presidencia atribúen o retraso a temas administrativos, e din descoñecer cando se producirá finalmente, aínda que aseguran que o proceso vai para adiante. Porén, varias fontes din que a presidencia da Xunta podería estar retrasando o nomeamento mentres aclara o conflito dunha suposta débeda da produtora de Antonio Simón coa consellaría de Cultura por unha axuda á produción dunha película que non se chegou a facer. Simón tería de prazo até finais deste ano para pagar a débeda, que podería superar os 60.000 euros, e que ten pendente dende o ano 1999.

Mentres non se resolve o nomeamento, o CGAI atópase sen director pero "funcionando normalmente", segundo indicaron na Secretaría Xeral de Comunicación.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: