Miguel Anxo Fernández Lores é o home forte da política municipal pontevedresa, e o referente para o modelo de cidade que os nacionalistas queren venderlle electoralmente ao resto de Galiza. Pola súa banda, os socialistas cavilan entre a continuidade ou a aposta por xogar unha baza máis forte nestas próximas eleccións municipais. Mentres, o PPdeG sofre e busca un candidato para a transición que manteña as súas porcentaxes de voto en beneficio da deputación provincial.
Coa loita pola saída de Ence da ría aínda en primeiro plano na axenda, o alcalde Lores protagonizaba recentemente un significativo evento co seu baño no río Lérez. Cualificado de "paiasada" pola compañeira de pacto, a voceira socialista e tenente de alcalde Teresa Casal, a propia Casal recoñecía "o impacto mediático" que a través dese baño reflicte o exitoso saneamento do que até pouco antes era o lodeiro pontevedrés. Trátase dun punto máis na conta de logros cos que Miguel Anxo Fernández Lores chega á cita coas urnas en 2007. Reforzado no seu liderado local, o BNG confía en que os profundos cambios acometidos polo equipo do Bloque en Pontevedra sexan valor clave para a venda dun modelo urbán ao xeito de que para o contorno rural significara Allariz. Os nacionalistas non ocultan que os prognósticos máis positivos insinúan que os problemas dos outros partidos para arranxar a súa debilidade actual facilitarían o salto a unha maioría absoluta da man de Lores.
Así e todo, os agoiros do BNG baten cos propios prognósticos que manexa o PSdeG. Os socialistas centran as súas matemáticas posíbeis no estudo dos datos das últimas eleccións autonómicas, onde o PSdeG gañaba case cinco mil votos na cidade respecto ás autonómicas de 2001, dobrando case os números dos nacionalistas e quedando apenas a tres puntos do PP. En 2003 Teresa Casal asumira a candidatura dos socialistas sabedora do complicado papel que se lle requiría, poñendo orde no grupo socialista local e coa meta de acceder ao previsíbel pacto de goberno posterior sen perder demasiado poder fronte á forza do Bloque. Casal foi inflexíbel nese traballo, mesmo erguendo a voz fronte á dirección do seu partido diante da súa estratexia sobre o que era necesario para recompoñer a inestábel situación do socialismo pontevedrés. Porén, o PSdeG cavila agora en que se o desgaste do BNG nas últimas convocatorias electorais se trasladase ás próximas municipais e no caso de que as enquisas amosen unha erosión do apoio a Lores, poderían xogar unha carta máis forte en 2007. E aí aparece a candidatura posíbel de Antón Louro, agora mesmo deputado no Congreso. Nos cálculos tamén está a posibilidade de que a entrada de Louro nos carteis electorais lles sirva para apañar unha diferenza de votos que pode ser clave para a loita pola presidencia da deputación provincial.
Doutra banda, o PPdeG ten en Pontevedra outro dos seus máis delicados problemas. A perda de espazo hai catro anos non fora tan grande como se prognosticara, pero a evolución neste tempo, unida á saída do poder na Xunta, poñeríaos en situación de desvantaxe. Os populares contan con que os resultados das autonómicas non son boa pista, constatada a viraxe na intención de voto que se debuxa para as municipais en favor de Lores, responsábel da fin de vinte anos de gobernos do PP na cidade. A debilidade no PPdeG pontevedrés inclúe neste tempo o episodio da saída do partido do ex alcalde e concelleiro Xosé Rivas Fontán, quen nos últimos anos bateu con belixerancia contra a dirección popular, Manuel Fraga incluído. O perfil de Teresa Pedrosa, que xa en 2003 recibira os apoios de Ana Pastor ou Xosé Palmou, faina candidata posíbel da actual dirección do PPdeG. Malia todo, os populares manexan outros potenciais candidatos entre os que destacan pilar Rojo, ex conselleira de Familia, e Xosé Manuel González, ex conselleiro de Sanidade.
Opina nos foros de Vieiros
Anteriores: