Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
INSISTEN EN QUE PESCANOVA DEBE ESTUDAR AS OPCIÓNS A TOURIÑÁN

Xunta e Pescanova xa consensuaran Ribadeo e Xove como alternativas para a piscifatoría

A zona do Penedo do Corvo, en Ribadeo, e Punta Morás, en Xove, son dúas das zonas onde a Xunta considera que podería construírse a factoría acuícola inicialmente proxectada para Touriñán e respecto ás que xa se pronunciaran positivamente técnicos de Pescanova. O presidente da empresa, Manuel Fernández de Sousa, reducía a súa belixerancia anterior e aseguraba que non coñece o detalle desas alternativas. Sobre o asunto pronunciárase o ex conselleiro de Pesca, Henrique López Veiga, quen opinou que "non hai máis alternativa que Touriñán". Desde o grupo parlamentario do PSdeG acusárono este xoves de ter intereses "persoais" e "ocultos" no negocio e de estimular o enfrontamento da empresa co goberno galego.

- 06:59 05/05/2006
Tags:

Foran até nove ubicacións diferentes as que a Xunta lle presentara a Pescanova, co obxeto de facilitar o redeseño do proxecto de piscifatoría que ía construírse en Touriñán. Dese abano de novas posibilidades de emprazamento para a planta, os técnicos da empresa, en colaboración cos propios técnicos da consellaría de Pesca, preseleccionaran dúas, as de Punta Morás, no concello de Xove, e a do Penedo do Corvo, en Ribadeo. Así o explicou este xoves o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño.

Touriño lembrou que logo desa negociación, a empresa xa se comprometera a presentar proxecto cara ao mes de xullo. Nese sentido, e logo da reapertura da presión por parte de Pescanova para que a planta se constrúa na zona protexida de Touriñán, o presidente da Xunta chamou á recuperación do diálogo e subliñou que a instalación deste tipo de fábricas "deben ter sempre en conta as directrices de desenvolvemento ssutentábel marcadas tanto na Axenda de Lisboa como procedentes da propia Unión Europea". Desde a empresa, o seu presidente, Manuel Fernández de Sousa, dicía descoñecer o detalle desas propostas e comentaba que Pescanova xa ten un fábrica en Xove.

Sobre o asunto pronunciárase o deputado popular López Veiga, saíndo en defensa de Pescanova e respondíalle este xoves o deputado socialista Xosé Manuel Lage Tuñas. Segundo Lage, o ex conselleiro "pon intereses exclusivamente persoais por diante dos intereses de todos os cidadáns e criticaba que "algúns posicionamentos empresariais parezan claramente guiados por interferencias de personalidades do PP". O deputado do PSdeG insistiu en que "apoiar e fomentar a produción acuícola en Galiza é perfectamente compatíbel coa posta en valor do patrimonio natural do país".


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: