Unha ordenanza de normalización lingüística do Concello das Pontes afirmaba que "o galego, como lingua propia de Galicia, é o idioma oficial do Concello das Pontes de García Rodríguez." Unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de anulala, logo de que fora impugnada pola Delegación de Goberno o día 5 de maio do 2002. A iniciativa pontesa é considerada "ilegal" por vulnerar o Estatuto e a Constitución. O estatus legal da lingua, en aras da cooficialidade co castelán, segue a provocar conflitos na práctica.
A ordenanza municipal fora impugnada pola Delegación do Goberno por considerala inconstitucional. O TSXG engade que a ordenanza do Concello das Pontes vulnera tamén o Estatuto de Autonomía. A situación de cooficialidade actual non permite a oficialidade do galego. No debate actual por modificar o Estatuto tense en conta a diferenza estabelecida pola Constitución (deber de coñecer o castelán, dereito a coñecer e usar o galego), e que o Estatuto reflicte (dereito de coñecer e usar as dúas linguas cooficiais), co cal a única obrigatoriedade é a do castelán, e calquera iniciativa de oficializar o galego coma a pontesa é considerada coercitiva.
Mentres non exista o deber de coñecer o galego non estará en igualdade de condicións co castelán. A propia sentenza afirma que "o galego é evidentemente a lingua da nosa comunidade autónoma", pero diferencia entre lingua propia e oficial, a "válida entre os poderes públicos e os administrados, cuxo carácter, evidentemente, ten tamén o castelán, compartido coa lingua propia de Galicia, e que podería considerarse excluído, sen prexuízo do dereito das administracións autonómicas e locais a fomentar e defender o uso da súa lingua propia, neste caso o galego". De feito, a este nivel segue a estar desprotexido. Malia espercificaren o artigo 4.1. da Lei 3/1983 de Normalización Lingüística e a Lei 5/1988, do uso do galego como lingua oficial polas entidades locais, que o galego é a lingua oficial das administracións locais, tamén engaden "sen prexuízo de empregar ademais a outra lingua oficial, se así o decide, neste caso, a respectiva entidade."
O Concello das Pontes esixía que os contratistas e provedores presentasen a documentación en galego e o empregasen nos bens e servizos obxecto de contrato, de seren persoas físicas ou xurídicas con domicilio en Galiza. Así debía constar nos contratos administrativos aprobados polo Concello. Tamén esixía que as comunicacións do Concello cara a outras administracións civís e militares fose en galego. O TSXG considera a ordenanza discriminatoria e incongruente, e lembra que os documentos que teñan que surtir efecto fóra da comunidade deben ser traducidos.
Outra das iniciativas era que o Servizo de Normalización Lingüística formase parte dos tribunais cualificadores dos coñecementos de galego na selección de persoal, pero o TSXG volve rexeitala por considerar que corresponde ao Instituto de Estudos da Administración Local.