Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
XUNTA E PESCANOVA DIFIEREN NAS SÚAS VERSIÓNS SOBRE O NOVO PROXECTO

Touriño afirma que "tocar Touriñán sería un estrago" para o país

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, sinalou hoxe que "tocar Touriñán sería un estrago de emprego e económico" para o país. Segundo o xefe do executivo galego, "estragar o territorio é a mellor maneira de estragar o emprego". Touriño fixo estas declaracións en relación coa situación orixinada entre o Goberno galego e a empresa Pescanova nos pasados días, a raiz do proxecto de instalación dunha macropiscifatoría en Touriñán. O presidente do Grupo Pescanova, Manuel Fernández de Sousa, cre que ningunha das alternativas ofrecidas pola Xunta é apta desde o punto de vista económico e acusa o goberno galego de ter motivos políticos e non ambientais para ter rexeitado o proxecto inicial. Pola súa parte, a conselleira de Pesca, Carmen Gallego, asegura que a Xunta xa ten presentado nove alternativas e que Pescanova mostrou o seu interés por dúas delas. Mentres, o conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, así como a asociación ecoloxista Adega, recordan que a construción da piscifatoria en Touriñán danaría este espazo protexido da costa galega.

- 10:29 05/05/2006
Tags:

Touriño afirmou que a Xunta "está plenamente comprometida co impulso da acuicultura", porén, o mandatario galego manifestou que "tocar Touriñán sería un estrago de emprego, económico e de país" porque esta opción non estaría dacordo "co signo dos tempos" marcado polo desenvolvemento sustentábel. O presidente galego apelou á reapertura do diálogo entre o goberno e Pescanova, porque, segundo asegurou, a Xunta seguirá apoiando a instalación de plantas tan importantes como a proposta por Pescanova, sempre e cando se sigan as directrices marcadas tanto na Axenda de Lisboa como pola Unión Europea.

O presidente do Grupo Pescanova afirmou onte á Voz de Galicia que "ningún dos lugares alternativos ofrecidos é apto desde o punto de vista económico e que só a xestión do proxecto podería levar entre tres ou catro anos." Segundo Fernández de Sousa, as zonas propostas en Lugo e na Costa dá Morte son inviábeis debido a altitude dos acantilados e das características do subsuelo. Deste xeito, o presidente da empresa galega, desminte as declaracións da conselleira de Pesca nas que afirmaba que Pescanova xa estaba traballando conxuntamente co goberno galego no desenvolvemento dun proxecto nunha nova ubicación. Porén, Carmen Gallego, mostrouse contrariada polas declaracións do presidente da multinacional e insistiu en que as alternativas son reais, incluso asegurou que técnicos do grupo empresarial xa están traballando no proxecto alternativo para presentalo en xuño.

Horas despois, en declaracións a Radio 5, Fernández de Sousa, sinalou que a suspensión da planta de Touriñán responde a motivos políticos e non medioambientais, recordando que que o proxecto foi presentado por Manuel Fraga en Muxia en plena crísis do Prestige. Segundo recolle El Correo Gallego, de Sousa chegou a afirmar que "2.800.000 galegos teñen que estar ao dictado de catro ecoloxistas amigos da conselleira", á que cualificou de "incompetente"

Pola súa parte, en declaracións aos medios, o conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, afirmou que non se pode danar este espazo da rede Natura 2000 lembrando que a UE "non daría fondos" para financiar obras en espazos protexidos, xa que vai en contra das directivas comunitarias. Nesta mesma liña, a asociación ecoloxista denunciou nun comunicado a actitude do presidente de Pescanova ante o conflito e lembrou que a denegación de autorización de ubicación da piscifactoría en Touriñán responde ao estrito cumplimento da legalidade vixente e non a motivos políticos.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: