Da capacidade dos medios "para catalizar o desenvolvemento socioeconómico, en particular a erradicación da pobreza" debaterán este mércores no foro que organiza a ONU con motivo da celebración do Día Internacional da Liberdade de Prensa. O comunicado oficial do Colexio de Xornalistas de Galiza neste día advirte que "nunha sociedade democrática a información ten que estar ó servizo da cidadanía, por enriba de calquera outro interese, pero isto raramente ocorre". A entidade pide máis presenza da nosa lingua nos medios, desgobernamentalizar os medios públicos galegos e que as subvencións aos medios privados teñan utilidade pública e se rixan por criterios de obxectividade e transparencia. Ao tempo, o Sindicato de Xornalistas presenta a xornada sobre o Estatuto do Xornalista Profesional.