"O 65% da mocidade galega que cursa unha titulación de Formación Profesional, atopa traballo seis meses despois de rematar os seus estudios", comentou este martes a conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón. "Moitas destas titulacións son as máis demandadas do mercado de traballo e as que alcanzan maiores niveis de retribución económica", subliñou o conselleiro de Traballo, Ricardo Varela. Fronte a esa situación, o representantes da administración recoñeceron o défice galego no camiño da converxencia cos modelos europeos de Formación Profesional e falaron a prol de cumprir cos retos nos próximos catro anos.
"A formación profesional é unha boa aposta e temos que poñela en valor e eu estou seguro que foros do nivel deste van axudar á posta en valor da Formación Profesional no noso país para os próximos anos", afirmou o conselleiro de Traballo durante a presentación do que será o primeiro Congreso Internacional de Formación Profesional, que se celebrará entre os días 10 e 12 de maio en Santiago baixo o título "Perspectivas da Integración Profesional para a Aprendizaxe ao longo da vida". Á beira da titular de educación, insistiu nas vantaxes das titulacións de formación profesional e referiuse á necesidade de explicitar os retos deste treito formativo para "a converxencia con Europa no horizonte do ano 2010" .
Tanto Ricardo Varela como Laura Sánchez Piñón aseguraron que Galiza conta coas bases para o impulso dunha FP efectiva que responsa aos fins que se lle asignan, "coa finalidade de que as persoas accedan a unha capacitación profesional en condicións de calidade e unha formación acumulable ao longo da vida para axeitar as súas cualificacións aos cambios tecnolóxicos e produtivos que se observan no mercado de traballo". Nese sentido valoraron positivamente que a nosa comunidade conte con instrumentos coma o Instituto Galego das Cualificacións, cun Observatorio ocupacional que realiza estudios en profundidade do mercado de traballo analizando a oferta, a demanda e a contratación, e coa creación de comisións sectoriais da cualificación e formación profesional cara a "unha maior participación e corresponsabilización dos axentes sociais".