Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A UN ANO DAS MUNICIPAIS

Santiago: exemplo de pacto

A miúdo o escenario político compostelán é presentado como exemplo da cooperación entre socialistas e nacionalistas nos pactos locais de goberno que manteñen por todo o país. Esa estabilidade non anuncia cambios no liderado de PSdeG e BNG para a cita coas municipais en 2007. Mentres, o PPdeG recompón ás presas o seu axitado mapa interno en Santiago, onde deberá consensuar relevo para Dositeo Rodríguez.

- 11:42 28/04/2006
Tags:

PSdeG: inmellorábeis perspectivas con Bugallo na súa terceira candidatura
Non hai discusión sobre o liderado de Xosé Antón Sánchez Bugallo no PSdeG compostelán. Bugallo, que asumira a alcaldía compostelá despois de que ás portas da municipais de 1999 Xerardo Estévez decidise retirarse da vida política, mantivo o bastón de mando nun escenario pouco favorábel, co partido a nivel galego recompoñendo feridas e nun momento de fortaleza dos rivais políticos. Catro anos despois, os socialistas composteláns consolidáronse no poder, aproximáronse aos que foran os mellores números do PSdeG na cidade e pasaron a ser a forza máis votada en detrimento do PPdeG. Os números amosan que un importante sector do electorado compostelán a miúdo vira o seu apoio segundo as eleccións sexan autonómicas ou municipais, privilexiando os socialistas cando os comicios son locais. As últimas autonómicas insinuaron un cambio de tendencia, cos socialistas mantendo parte dese voto e á vez saíndo beneficiados do incremento da participación, mentres os outros partidos estabilizaban resultados.

Dositeo atende ás revoltas antes da xubilación
"Viviranse momentos moi duros, pero pode estar moi próxima a caída do réxime afrocaribeño que encarnan Dositeo, Tahoces, Armando Blanco e os seus homes". Esta belixerante reflexión dos renovadores en rebeldía do PP compostelán, pouco despois das eleccións do pasado 19 de xuño, é bo exemplo da situación recente dos populares santiagueses. O posterior proceso sucesorio poñeríaos en posición de forza, co presidente do grupo local, Bernardo Tahoces, que apostara por Cuíña nesa loita, caendo en desgracia. Nese novo escenario, os renovadores xa se aproximaron ao 40% dos apoios no último congreso local, con Jorge Martínez Tojo á fronte. Autobautizados "cívico-populares", prometen agora tregua e disposición ao pacto para un 2006 onde aseguran que "se iniciará un histórico proceso de unidade no Partido Popular de Santiago". Nesa situación tamén importa a voz da ex presidenta local e deputada en Madrid, María Xesús Saínz, que deixara o cargo baixo a presión do secretario local, David Pillado, e do propio voceiro municipal saínte, Dositeo Rodríguez. Nalgún momento manexouse a opción do decano dos avogados composteláns, Evaristo Nogueira, e nun segundo plano está o catedrático Xosé Manuel Mayán, máis complicado de erixirse en home de consenso. Pero a opción principal do contorno de Feijoo era a do avogado Xerardo Conde Roa, que se resistiu a ser cabeza de cartel do partido. A súa renuncia convirte no máis probábel candidato ao presidente da xestora local, Ricardo García-Borregón.

BNG: Con Rego á fronte a reforzar presenza
Os nacionalistas chegaran ás últimas eleccións municipais coas feridas da última revolta interna aínda pechando. Nas listas dos rivais socialistas aparecía o desafío do que da anterior votación saíra coma un dos baluartes do Bloque compostelán, Xaquín Fernández Leiceaga, e que despois da rifa local dos nacionalistas composteláns, aceptaba o convite dos socialistas a integrarse como independente na lista do PSdeG. Así e todo, o que fora o mellor resultado do BNG en Compostela, cinco concelleiros en 1999, reducíase a catro asentos no Concello en 2003, perda de espazo que se considerou asumíbel nesas circunstancias. Logo dun período marcando distancias cos socialistas, a recuperación do pacto de goberno iniciou un novo período de estabilidade deica agora. A última votación a nivel autonómico amosou unha consolidación do voto do Bloque en Santiago, e aínda que porcentualmente o incremento de participación amosa unha perda relativa de apoio, o BNG mesmo incrementou lixeiramente os votos obtidos catro anos antes. Con Néstor Rego outra vez liderando a candidatura, os nacionalistas aspiran a gañar espazo cara ao pacto poselectoral posterior.

Opina nos foros de Vieiros

Anteriores:

  • Vigo: o lastre do pacto que non puido ser
  • A Coruña: primeira cita sen Vázquez
  • Ourense: a última maioría absoluta do PPdeG en ceder?


0/5 (0 votos)