A liña de alta velocidade ferroviaria entre Galiza e Portugal volve a entrar nas axendas políticas, logo de que nos últimos días tanto Caixanova coma Caixa Galicia subliñasen o seu interés por colaborar financieiramente no despregue desta infraestrutura que dinamizaría a economía da Eurorrexión. A visita este mércores do ministros de Obras Públicas de Portugal, Mario Lino, serviu así para reafirmar a aposta pola liña Porto-Vigo. Lino prometeu que no cumio hispano-luso que se celebrará a finais de 2006 o executivo portugués presentará un plan concreto.
"Para Galiza, Portugal é a nosa prioridade. Compartimos unha visión común e o esforzo conxunto para impulsar o desenvolvemento da eurorrexión no marco desas estreitas relacións de cooperación e traballo conxunto co goberno portugués", afirmou Emilio Pérez Touriño. O presidente da Xunta destacou que o encontro co ministro portugués servise para "pór en común e revisar os proxectos estratéxicos que comparten ambos territorios". Alén do "necesario impulso e o carácter prioritario da conexión de alta velocidade ferroviaria con Portugal", Touriño subliñou a importancia de mirar polo desenvolvemento do "eixo de comunicación interior con Portugal a través da conexión por autovía entre Verín e Chaves".
Por outro lado, o ministro de Obras Públicas, Transportes e Comunicacións do goberno portugués asegurou que "a conexión tanto por estrada como por alta velocidade ferroviaria son proxectos estratéxicos" para o veciño executivo liderado por José Sócrates. De xeito específico, sobre a conexion ferroviaria, avanzou que o goberno luso está estudando en detalle o proxecto de conexión con Galiza e que "será a finais de ano cando estea elaborada unha configuración global", prometendo que no vindeiro cumio hispano-luso cando "ese proxecto vai quedar marcado de inicio a fin". Marino Lino indicou tamén respeto ás características concretas desta obra, que inicialmente cavilan que sexa de tráfico mixto, sendo compatíbel o transporte de pasaxeiros e mercadorías, e unha velocidade máxima de 250km/h.