O Plan de Normalización permitía esta posibilidade, malia que deica agora non se dera paso ningún para facela efectiva. Porén, desde o curso 2006-2007, dez centros escolares galegos poderán ofertar o ensino exclusivamente en lingua galega para a etapa de educación infantil, entre os 3 e os 6 anos de idade, aínda que serán os consellos escolares os que deban solicitar este modelo educativo. O anuncio fíxose este mércores logo dunha xuntanza entre a conselleira de Educación e a Mesa para a Normalización Lingüística. Desde o colectivo lembran que o propio acordo de goberno do bipartito era moito máis ambicioso na introdución do galego nas aulas e láianse de que se avance tan lentamente.
"Hai outras comunidades que o fan e non supón problema ningún, e hai que transmitir que a lingua non xera conflitos de ningún tipo", explicou Laura Sánchez Piñón, conselleira de Educación, amosándose satisfeita polo pulo que para o uso do galego entre os máis novos pode ter esta iniciativa. Euscadi ou a Comunidade Valenciana son exemplos de aplicación deste tipo de iniciativas, ofertándolle aos pais a posibilidade de que seus fillos reciban clase exclusivamente en lingua vasca e catalá.
No caso de Galiza, o proxecto funcionará de xeito experimental en dez escolas durante o próximo curso. Os centros participantes deberán ter máis de dúas unidades por curso, de xeito que as familias poidan sempre escoller entre as dúas opcións: galego en exclusiva ou galego e español. Progresivamente, o obxetivo é ampliar a oferta a toda a etapa de Primaria, desde os 6 até os 12 anos. A consellaría de Educación vaille enviar unha circular aos centros públicos de educación infantil con máis dunha unidade para que se o desexen formalicen a solicitude de ofertar unha liña desta etapa en lingua galega. A petición debe ser refrendada polo Consello Escolar dos centros.
Medida insuficiente
Logo da reunión, o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, que asistiu canda o responsábel da sección de Nais e Pais polo Ensino en Galego, Adolfo Muíños, lembrou a "preocupación polo feito de que aínda non se deron os pasos suficientes para cumprir o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega". Callón explica que "esta é unha medida totalmente insuficiente,e tal e como se formula convirte nunha carreira de obstáculos as peticións dos pais que queiran que os seus fillos sexan escolarizados en galego". De feito, o modelo da consellaría facilita que un consello escolar puidese bloquear a solicitude de establecer aulas con ensino exclusivo en galego e impide a súa aplicación en áreas maioritariamente galegofalantes onde non se conte con máis dun aula por nivel escolar.
Desde a Mesa, Carlos Callón lembra que o propio acordo de goberno asinado polo bipartito prometía en materia lingüística moito máis do que se está facendo. Lembrámoslles ao fío que aquel documento consensuado por socialistas e nacionalistas recollía como obxetivo que "ao rematar o ensino obrigatorio os estudantes posúan plena competencia en galego, no castelán e como mínimo nunha lingua estranxeira" e subliñaba o "compromiso activo coa efectiva e inmediata aplicación das medidas de galeguización do ensino recollidas no Plan de Normalización Lingüística aprobado unánimente polo Parlamento galego en setembro de 2004". De xeito especifico, o acordo de goberno tamén incluía a introdución dun programa de apoio específico para o coñecemento da lingua galega polo alumnado inmigrante; o incremento do recursos para os equipos de normalización lingüística e o apoio económico á produción e difusión de materiais curriculares de ensino en galego, e de programas informáticos na nosa lingua.
Opina nos foros de Vieiros