Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A UN ANO DAS MUNICIPAIS

Vigo: o lastre do pacto que non puido ser

A pouco máis de doce meses para a cita coas urnas, só un nome é seguro para os carteis electorais que van decorar a cidade de Vigo na campaña deica o 27 de maio: o de Corina Porro á fronte do PPdeG. Así e todo, pola parte do PSdeG non parece haber dúbida sobre o impulso da candidatura de Abel Caballero. Máis incerta é a estratexia do BNG nesta altura, aínda que manexa importantes cartas na manga. Contámoslles polo miúdo nesta segunda entrega sobre os escenarios preelectorais municipais.

- 17:49 25/04/2006
Tags:

As dúbidas que puidera haber sobre a continuidade de Corina Porro como candidata á alcaldía de Vigo polo PPdeG resolveunas o propio proceso sucesorio do partido, no que Porro se pronunciou a prol de Feijoo. Corina xogou a carta de Feijoo e o trunfo do ourensán-vigués no liderado do partido foi o seu propio. Tanto o presidente dos populares galegos como o presidente da deputación provincial, Rafael Louzán, confirmaron xa publicamente que Corina Porro é a candidata dos conservadores para o próximo 27 de maio. Xa que logo, e nesa loita por tratar de manter o bastón de mando, confían os populares en que o comportamente electoral sexa diferente ao amosado na última cita autonómica, impulsados nesa tarefa pola incapacidade da oposición municipal para chegaren a un acordo que botase ao PPdeG da alcaldía. A propia lentitude de PSdeG e BNG en aclarar os seus liderados na cidade olívica cara a esas eleccións municipais, pode estar xogando en favor dos populares. A estratexia do PP vigués nestes escenario privilexia a denuncia dos presuntos incumprimentos e défices investidores do goberno bipartito na cidade, e do que deu bo exemplo a belixerancia coa que Porro usou a polémica arredor da área metropolitana.

No bando dos socialistas a actualidade recente tráenos o enfrontamento entre a dirección do PSdeG e o grupo socialista local. Semella desde hai tempo que o contorno de Touriño xa decidiu, con beizón da dirección madrileña, factor Xosé Blanco, que Abel Caballero será o candidato do partido a recuperar a alcaldía de Vigo. O propio Blanco facía estes días un comentario sobre a idoneidade de Caballero para ese posto. Nese sentido se entendería tamén o seu nomeamento á fronte da Autoridade Portuaria, cargo de peso na cidade, co que relanzar a súa figura. O propio Caballero xa non evita comentar as louvanzas e deixa caer que traballar polo porto é "mirar por Vigo". Pero esa imposición bate coas reclamacións de democracia interna que chegan desde o grupo local, á súa vez con varias posicións encontradas, desde a sombra do ex candidato Carlos Príncipe a, doutra beira, a corrente de opinión impulsada por Miguel Barros, quen é considerado o perfil máis axeitado para acadar un goberno de consenso cos nacionalistas. De feito, Barros veu insistindo todos estes meses na necesidade de impulsar unha moción de censura e recuperar o pacto PSdeG-BNG antes da cita coas urnas. A comezos de abril, unha significativa e plural representación da militancia dos socialistas vigueses citábase para reiterar fronte á dirección do partido que a decisión sobre o candidato debe partir deles. Inevitábel foi nese foro a lembranza da imposición que Touriño fixera hai catro anos da candidatura de Ventura Pérez Mariño, decisión que o tempo demostrou errada, pola incapacidade de Mariño non só para levar fluidamente a relación co socios nacionalistas, senón tamén para gañar consensos entre diversos sectores do socialismo vigués.

Mentres, no BNG, o actual voceiro municipal, Xabier Toba, non se amosou en público especialmente interesado en asumir o liderado da formación cara ás eleccións. Xa que logo, o actual director xeral para o Deporte, Santiago Domínguez, que uniría ao seu destacado papel na escena política viguesa nos últimos gobernos locais a proxección pública do seu labor neste tempo á fronte da dirección xeral do Deporte, é o primeiro na lista de opcións do BNG para Vigo. Co balance da súa experiencia municipal anterior, Domínguez ofrecería o mellor perfil entre os nacionalistas para tratar de gañar a confianza dos vigueses e garantir a fluidez do pacto posterior cos socialistas. Porén, Domínguez Olveira podería optar por seguir no bipartito. Así, e manténdose á fin Domínguez en posto de responsabilidade no goberno galego, aparece o ruxerruxe sobre a posíbel opción de Camilo Nogueira, asunto sobre o que o Bloque e o propio contorno de Nogueira mantén estremo silenzo, mentres revisan esa posibilidade. Ao respecto, un xornal vigués apuntaba a existencia dunha sondaxe, supostamente encargada polo BNG, onde se lle estaba preguntando aos veciños a opinión diante dunha hipotética candidatura de Nogueira. Nos últimos tempos abrolla outro nome posíbel, a concelleira María Méndez, médica de profesión, pouco coñecida fóra da propia cidade, pero con imaxe sólida no escenario local, onde foi baza importante incorporada polo Bloque nas últimas eleccións, e que tería garantía de apoios a nivel interno no caso de dar o paso.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: