Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
GALIZA E PORTUGAL CONMEMORAN A REVOLUÇÂO DOS CRAVOS

O povo é quem mais ordena

Hai 32 anos soaba unha canción prohibida nas ondas de Lisboa. A voz era de Zeca Afonso. Case ao mesmo tempo, os xenerais sublevados acababan coa ditadura fascista de Salazar, sen sangue, sen armas. Só con caraveis. Non podemos esquecer esa data, nin a unha beira nin á outra do Miño: ao longo da xornada teremos varios actos nas cidades galegas, e quen queira achegarse até Guimarâes ou Matosinhos, poderá vivir intensamente este día de celebración para o país irmán.

- 10:37 25/04/2006
Tags:

Na Coruña, o colectivo Urbano Lugrís conmemora esta data lembrando a importancia da canción de José Afonso na música galega. Para demostrala, Mini e Mero, d'A Quenlla, e Miro Casabella cantan e o cantautor Benedicto Villar fala, nunha conferencia multimedia que integra fotos, gravacións e outros documentos. A cita é ás oito da tarde, no local de Caixa Galicia na rúa Médico Rodríguez.

Tamén na Coruña, o mesmo colectivo acolle a representación da obra de José Saramago A noite. Nesta peza faise experimentar aos espectadores o impacto da revolución nun xornal.

A exposición 25 de Abril: Memoria e Proxecto dun Tempo Recente, está aberta dende o 12 no Forum Metropolitano da Coruña, e alí seguirá até o 8 de maio. Tamén poderemos vela hoxe no Concello de Cambre, no Centro Cívico Cultural "O Graxal " (O Temple). E ás cinco, no mesmo centro, proxectarase e debatirase o filme 5 días, 5 noites.

En Compostela, a Casa das Crechas celebra a súa tradicional festa, desta volta na Sala NASA, na que se darán cita Zeca Medeiros, co seu son dos Azores, Uxía Senlle, ao pouco de chegar de Niteroi e de participar coa súa voz no encontro "Viaxes na lusofonía" desta fin de semana. Tamén participará a Banda das Crechas, unha mestura de voces galegas e lusas, que rematará, como non, con 'Grândola.'

Non lonxe, o CPI Viaño pequeno de Trazo inaugura a II Feira do libro que se celebra no centro baixo o lema "Portugal: tan perto, tan lonxe." En colaboración con varios centros educativos e institucións portuguesas, entre elas o Instituto Camoes, o equipo de normalización lingüítica artellou un completo programa destinado ao coñecemento do que significou o 25 de abril do 74 en Portugal. Animación á lectura por todas as vías, mesmo a fílmica. Na inauguración, que será ás 15:00, e na que participará Samuel Rego, delegado do Camoes en Galiza, proxectarase o filme Capitâes de abril, de Maria de Medeiros.

Xa en Vigo, a cantante de fados María do Ceo asinará exemplares do seu último cedé no Corte Inglés.

Para quen queira atravesar o Miño
Na cámara municipal de Matosinhos, no norte de Oporto, haberá, ás 11:00, unha visita guiada pola exposición sobre Zeca Afonso, que durará até o 7 de maio. No salón nobre da mesma cámara municipal, xa ás 21:30, actuará o grupo Ajaforça, e haberá un debate moderado pola asociación José Afonso do Norte (Ajanorte), no que participarán Alípio de Freitas, Elfriede Engelmayer e Jorge Ribeiro.

Guimarâes, (que foron os primeiros en homenaxear ao Zeca este ano polo 20 aniversario do seu pasamento), nun acordo con Matosinhos, súmanse á festa co grupo galego-portugués De outra margem e Canto Nono.


0/5 (0 votos)