Ás 7.31 horas deste domingo un sismo de 5.0 graos na escala de Richter espertou a moitos galegos, sobre todo nas comarcas da Coruña e Bergantiños, xa que o epicentro se situou no mar, a 43 quilómetros de distancia ao noroeste de Malpica e a 61 da capital coruñesa. Segundo a base de datos sísmicos do Instituto Xeográfico Nacional, que informa en tempo real, producíronse once réplicas máis de menor intensidade, a última delas ás 12.13 horas e cunha forza de 2 graos . Se o sentiches, cóntanolo.
Este organismo tamén informa de que o tremor tivo unha intensidade IV na zona do epicentro e que é o de maior intensidade rexistrado nas costas galegas na historia. O maior sismo rexistrado no noso país foi no 1995 e acadou os 5,3 graos na escala de Richter.
Segundo informa Europa Press, o sismo sentiuse especialmente nas zonas de Ferrol, Cedeira, Boiro, Santiago Camariña e A Coruña, aínda que o tremor tamén chegou até Vigo. Polo momento non se ten constancia de danos materiais.
A Radio Galega recolleu as testemuñas de veciños destas comarcas, que contaron que o tremos durou poucos segundos pero foi moi intenso. "Produciuse como un trono e moveu se a cama e mais a mesa", dico un veciño de Camariñas, tal como recolle a axencia Europa Press.
En internet tamén se poden atopar xa varias testemuñas a través dos blogs, e así os primeiros bitacoreiros que espertaron sentindo o tremor son Pedro Jorge Romero dende Santiago, Rodrigo en Oleiros e Starlita dende Vigo.
En Vieiros tamén queremos recoller as experiencias dos nosos lectores, que nos conten como o viviron e se houbo algún dano ou calquera outra información de interese. Se o sentiches, cóntanolo nos comentarios. Moitas grazas.