Con 23 votos a favor, un negativo e unha abstención, o único candidato que concorría á elección do substituo de Alfonso Zulueta á fronte do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, proclamouse vencedor no plenario que a última hora da tarde deste xoves se celebrou no compostelán pazo de Raxoi. O presidente electo, que ao rematar o pleno compareceu en rolda de prensa xunto co aínda presidente en funcións, declarouse "moi agradecido" aos membros do Consello por ese apoio "de forma abrumadora". Villares anunciou un "tránsito pacífico" e a realización nos inicios do seu mandado dunha avaliación da situación para presentar un plan de acción nos próximos anos para o órgano que o novo presidente definiu como "o portaavións da cultura galega".
Villares destacou a importancia da "peculiaridade" de que o seu cargo sexa elixido por membros dun plenario independente e non sexa "unha designación", o que segundo el garante "a súa independencia e pluralidade". Sobre os plans de futuro, o historiador subliñou a que a súa intención é manter unha liña de traballo de "moita continuidade e algunhas innovacións" que comezará cunha avaliación da situación do Consello, da percepción e expectativas que ten a xente depositadas nel e facer, en base a este estudo, un plan de acción.
No tocante á posíbel remodelación ou cambios na composición do plenario do Consello da Cultura, reclamada por algúns sectores dende hai tempo e mencionada hoxe no parlamento polo presidente da xunta reitora do Museo do Pobo, Xusto Beramendi, Villares cinxiu o asunto á "non moita marxe de manobra" que ten o consello perante á organización e estrutura definida pola lei. Porén, tamén ligou a redifinición do CCG á reforma do Estatuto de Autonomía. "Defenderemos que o status do Consello da Cultura Galega como órgano estatutario é innegociábel", afirmou.
Este catedrático de historia nacido en Xermade (Lugo) no 1961 será o quinto presidente que dirixa o Consello da Cultura Galega desde a súa creación en 1983. Precedérono no posto ilustres persoeiros da cultura galega: Ramón Piñeiro López (1983-1990), Xosé F. Filgueira Valverde (1990-1996), Carlos Casares Mouriño (1996- 2002) e o presidente saínte, Alfonso Zulueta de Haz (2002-2006).
Despedida e homenaxe a Zulueta
Durante a celebración do Pleno, o presidente saínte fixo balance do seu mandato e agradeceu especialmente o apoio recibido. Do traballo feito, Zulueta de Haz destacou con humildade que "foron estes últimos catro anos unha etapa máis na que o Consello quixo cumprir responsablemente as súas obrigas de defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego e a consideración como órgano consultivo e asesor dos poderes públicos, esforzándonos por dar resposta aos cambios e requirimentos da sociedade".
Despois da votación, os membros do plenario acudiron ao Refectorio do pazo de Xelmírez para escoitar o concerto "Galicia e as Cantigas de Santa María de Afonso X", interpretado por Antoni Rossell & G. Courtly Music Consort, e logo estaba prevista unha cea de homenaxe no Hostal dos Reis Católicos, coa asistencia do presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, que ademais é presidente de Honra do CCG.