Se as previsións e a lóxica non fallan, o único candidato que se presenta á elección do novo presidente do Consello da Cultura Galega en substitución de Alfonso Zulueta, sairá gañador da votación no pleno extraordinario que este órgano celebra hoxe ás sete da tarde. Trátase do catedrático de Historia Contemporánea que fora reitor da USC, Ramón Villares, do que se vén falando dende hai meses como case seguro novo presidente, agoirando un cambio de temón máis próximo ao nacionalismo cós perfís dos catro presidentes anteriores.A votación realizarase nun pleno extraordinario no que aos 25 membros do plenario se sumará a conselleira de Cultura como membro de pleno dereito. Será unha votación secreta e abonda a maioría simple para que saia elixido un novo presidente. Logo o CCG homenaxeará cunha cea ao presidente saínte, Alfonso Zulueta de Haz, que estivo 4 anos á fronte do organismo logo do pasamento de Carlos Casares.