"Os concellos somos unha vez máis os sufridores destas instalacións porque pouco puidemos opinar nuns temas de vital importancia para os concellos", laiouse o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, Xosé Crespo, tamén alcalde de Lalín. O rexedor pronunciábase así durante a presentación das xornadas Administración Local e Enerxía Eólica, organizadas pola Fegamp, e lembraba que a elevada potencia eólica que están xerando na actualidade as empresas instaladas nos concellos galegos non vai en beneficio dos propios veciños.
"Os concellos estamos a prol de que se instale a máxima potencia eólica que sexa posíbel", comentou Xosé Crespo, puntualizando que esa posición está en función de que "os concellos poidan tamén quedar cunha parte do beneficio, vía taxas, que xera esta actividade". O alcalde de Lalín opinou que os importantes ingresos que consiguen as empresas que instalan estes parques eólicos non están conlevando que "os concellos que as acollen leven uns cartos proporcionais". "Non imos ser convidados de pedra", subliñou Crespo, "queremos un pedazo da torta".
"A enerxía eólica é unha preocupación importante dos concellos galegos, xa que Galiza é unha das autonomías que conta con máis potencia eólica instalada e cando se instalen os 2.500 MW pendentes que este goberno ten intención de adxudicar en breve prazo de tempo, nós seremos, proporcionalmente, xunto con Navarra, a comunidade autónoma con maior potencia éolica en todo o territorio español", lembrou o presidente da Fegamp. "Os concellos somos unha vez máis os sufridores destas instalacións porque pouco puidemos opinar nuns temas de vital importancia para nós", laiouse, pedindo que se usen estes recursos para axudar a encher as "precarias arcas municipais" e lembrando que son precisamente en moitos casos os concellos con máis problemas para fixar poboación e con menos recursos os que están acollendo estes parques eólicos dos que apenas se benefician os veciños.