Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CALIDADE E AUDIENCIAS

Goberno e oposición rifan polo novo modelo para a TVG

O PPdeG puxo á CRTVG no obxetivo das súas críticas nos últimos días. Dun lado opinan que a TVG ten "as peores audiencias dos últimos 12 anos" e doutro aseguran que a actividade dos políticos populares "é silenciada e manipulada". Desde o PSdeG retrucaban esta fin de semana que "o PP bota en falta a manipulación dos medios de comunicación públicos" e lémbranlle aos populares que a prioridade da actual dirección é "sanear unhas contas onde o PP deixou un buraco financieiro que puxo á compañía no gume da creba".

- 06:51 17/04/2006
Tags:

"A actual dirección da CRTVG está traballando con responsabilidade, comparecendo periodicamente ante o Parlamento de Galiza, defendendo a pluralidade e, o que non é menos importante, facendo todo o posíbel por sanear as contas", insisten desde o grupo Parlamentario do PSdeG.

Os socialistas galegos defenden que o actual modelo de traballo da dirección da CRTVG "é totalmente alleo ao modelo manipulador e partidista do PP" e denuncian que o os políticos do PPdeG tiñan costume de "manipular os medios de comunicación públicos" e que se cadra "botan en falta" esas manobras. Argumentan desde o PsdeG que os populares son "incapacecs de entender a existencia en Galiza dunha radio e dunha televisión públicas e plurais, con calidade informativa, que contan a verdade aos cidadáns e que teñen como principio fundamental o respecto pola pluralidade". Nesa liña, defenden que "por primeira vez en dezaseis anos a CRTVG réxese segundo o previsto na lei da súa creación, e conta cunha programación na que priman os contidos culturais, educativos e de calidade, ao contrario do que viña acontecendo nos últimos tempos".

Manipulación e baixas audiencias, din desde o PPdeG
Os populares galegos argumentaban estes días levando a primeiro plano os datos de audiencia, segundo os cales no primeiro trimestre de 2006 a TVG acadaba unha media do 15.2%, por baixo do 17.3 do mesmo treito de 2005, cunha caída ao 14.6% en marzo, mentres na mesma altura de 2005 chegaba ao 18%. Opina o PPdeG que "a caída é xeral e non é maior grazas aos programas herdados da etapa anterior, que son os que manteñen uns índices aceptábeis e por riba da media do canal".

Din desde o PP que a TVG sempre estivera nos primeiros lugares respecto á canles doutras autonomías e que "baixa agora ao nivel de Canarias ou Castela-A Mancha, tvs moi recentes e en comunidades sen lingua propia". Destacan especialmente "a incuestionábel perda de interés dos galegos polos informativos" e consideran que estes espazos son "un desfile continuo dos membros do goberno galego e do executivo español, presentados propagandisticamente". Ao tempo, láianse de que "a oposición é silenciada ou obxeto de informacións recurtadas e manipuladas" e recibe unha atención "moito menor da que lle corresponde por lei".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: