Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
FEIJOO VIAXARÁ A AMÉRICA EN MAIO

Touriño di "non renunciar" á nacionalidade dos netos de emigrantes, aínda que será "difícil"

Logo das declaracións do ministro de Traballo, Jesús Caldera, manifestándose en contra de "ampliar o dereito de nacionalidade indiscriminadamente", o presidente da Xunta respondeu hoxe que o Goberno galego "non renuncia" á ampliación "total e universal" da nacionalidade española aos netos de emigrates, se ben recoñeceu a "complexidade" desta medida. Touriño cre "xusto e razoábel" este dereito, e confirmou que a Xunta "traballará politicamente" para conseguilo e así ampliar os vínculos de cooperación coa diáspora, "non só cos avós senón tamén cos netos". De todos xeitos é consciente "do impacto desta medida dende o punto de vista económico". Pola súa banda Núñez Feijóo anunciou que viaxará a Arxentina e Uruguai na primeira semana de maio para entrevistarse co colectivo galego.

- 19:11 12/04/2006
Tags:

Tal como informa Europa Press, Touriño valorou as xestións levadas a cabo polo ministro Caldera para "abrir un horizonte inmediato para avanzar nesta dirección", coa oferta dun visado de traballo especial que facilita que, logo dun ano de estancia no territorio do Estado, se lles facilite aos netos dos emigrantes as condicións para acceder á nacionalidade.

Segundo o presidente, isto supón un "salto adiante positivo e inmediato" para o colectivo exterior e representa un "camiño de entrada para lograr a nacionalidade, que é o importante".

Feijoo tamén fará as Américas
O presidente do PPdeG, Alberte Núñez Feijóo, viaxará na primeira semana de maio a América para reunirse con emigrantes galegos en Arxentina e Uruguai, tal como prometera cando foi elixido presidente do partido no congreso extraordinario de xaneiro. Feijoo ten previsto pasar antes por Nova York para asistir o 30 de abril ao congreso do PP nos Estados Unidos.

Despois ten a intención de visitar algúns centros da emigración gallega en Arxentina e Uruguai e aproveitar para entrevistarse con dirixentes do PP e afiliados ao partido. Tamén espera poder manter encontros con "algunha autoridade" destes dous países e ademais ofrecer unha conferencia nunha universidade de Bos Aires, dirixida especialmente aos mozos arxentinos e aos descendentes de emigrantes galegos.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: