"Non se pode ampliar o dereito de nacionalidade indiscriminadamente", opinou o ministro de Traballo e Asuntos Sociais durante a súa visita a Arxentina e Uruguai. Jesús Caldera defendeu que se manteñan as normas que rexen actualmente ao respecto, cun sistema de visados especiais que permiten dar ese paso en pouco tempo. Mentres, os colectivos de fillos e netos de emigrantes consideran que con este anuncio o goberno socialista "incumpre a súa promesa electoral".
Na opinión do ministro Caldera o modelo actual xa sería abondo "xeneroso", facilitándolle aos netos de emigrantes o acceso á cidadanía incluso cando o pai xa non nacera no Estado español e a propia lei de extranxeiría establece unha vía de preferencia para eles.
Caldera explicou que na súa opinión non é necesario avanzar máis sobre o actual modelo de concesión de visados especiais para buscar emprego, que xa lles permite aos netos de emigrantes pedir a nacionalidade ao cabo dun ano no caso de que atoparan traballo. A posición manifestada polo ministro durante a súa viaxe por suramérica confirmaría a negativa á solicitude que o goberno galego lle fixera hai pouco de xeito oficial ao goberno español, a prol do recoñecemento da nacionalidade para os netos de emigrantes a través do vindeiro Estatuto de Cidadáns Españois no Exterior.
As críticas de "Fillos e Netos"
"O ministro Jesús Caldera falta á verdade dicindo que cos visados de busca de emprego está cumprindo cos fillos e netos de emigrantes", opinan en Arxentina desde o colectivo "Fillos e Netos de Españois", liderado polo galego Daniel R.Barreiro. Na opinión desta asociación, a eses visados xa abrira a porta a reforma do código civil feita polo anterior goberno do PP.
De paso, lembran que en 2004 e en tempo electoral, o propio Caldera propoñía "impulsar unha nova reforma que amplíe o acceso á nacionalidade en forma realista e viábel, desterrando obstáculos anacrónicos e requerimentos temporais innecesarios para a súa adquisición e recuperación, e corrixindo a persistencia de agravios para situacións que son equiparábeis". A promesa electoral incluiría tamén que "os descendentes até segundo grao terán dereito preferente a adquiriren a nacionalidade sen discriminación respecto aos nados en España".