O manifesto apoio da actual dirección do PPdeG a Carlos Negreira para loitar nas municipais de 2007 pola alcaldía coruñesa acelerou o malestar do actual voceiro municipal do partido, Fernando Rodríguez Corcoba, desde o entorno do cal hai tempo que se viña especulando coa posibilidade de que acudise nunha candidatura independente a esa cita coas urnas, opción que o propio Corcoba recoñeceu a pasada fin de semana. O presidente provincial do PP, Juan Juncal, co que Corcoba mantén un longo enfrontamento, desafiouno a deixar o partido se xa ten decidido tal estremo.
"Non sei se será motivo de expulsión ou de baixa automática, pero é lóxico que un militante non siga no partido se vai participar fóra das súas listas", comentou este luns Juan Juncal para os micrófonos da Cadena Ser. Juncal desafiaba así a Fernando Rodríguez Corcoba a saír do PPdeG no caso de que considerase que "ten que facer a súa labor política coma independente". Así e todo, Juncal afirmou que coma presidente provincial do PP vaille dar "ás persoas a oportunidade de recapacitar as veces que necesiten".
A decisión a pasada semana da dirección do PPdeG de lanzar a candidatura de Carlos Negreira para A Coruña precipitou a decisión de Corcoba, que malia todo, aínda segue lembrando a xuntanza pendente e solicitada con Alberte Núñez Feijoo e insiste en que seguirá como militante "mentres eu queira e o partido non me bote", ao tempo que lle pide ao alcalde de Ferrol e presidente provincial do PPdeG que sexa el quen demita. Corcoba advirte tamén que é máis dun concelleiro actual dos populares na Coruña o que o acompará na súa aventura electoral en solitario, aviso do que dubidan desde a dirección coruñesa do partido.