Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
COMPLICADA ESCOLLA DOS CANDIDATOS

Socialistas vigueses e populares lugueses: os primeiros pulsos preelectorais

Unha ampla representación da militancia do PSdeG vigués citouse este xoves para reafirmar a súa vontade de ter a voz principal na decisión sobre o candidato do partido para a cidade olívica, que pretendería impoñer a dirección galega da formación. Por outro lado, o PPdeG ten a súa fronte principal en Lugo, onde os partidarios do presidente da Deputación advirten que "sen Cacharro non se vai gañar".

- 06:56 07/04/2006
Tags:

Foi case completa a unanimidade dos socialistas vigueses este xoves na decisión a prol de garantir que a agrupación local do PSdeG sexa a protagonista no proceso de elección do candidato do partido á alcaldía da cidade. Os bos resultados dos socialistas na cidade na última votación, nos comicios autonómicos, fan cobizoso o poder vigués para o PSdeG que terá un desafío clave nas eleccións municipais para a conformación da lista para a cidade. Na memoria está o protagonismo da dirección do PSdeG hai case catro anos, cando o propio Emilio Pérez Touriño se erixira en valedor principal para a imposición de Ventura Pérez Mariño coma número un dos socialistas para Vigo, decisión que o tempo demostrou errada pola incapacidade amosada por Mariño para manter as relacións cos socios nacionalistas do goberno local e os propios enfrontamentos que propiciou entre os socialistas vigueses.

Ao fío, desde a dirección do partido consideran que a asemblea dos socialistas vigueses e a propia executiva do partido coincidirán na elección do mellor candidato. Lembrámoslles que o actual presidente da Autoridade Portuaria, Abel Caballero, aparece coma probábel proposta para a alcaldía impulsada desde a dirección galega dos socialistas.

Os números da última cita coas urnas disparan a incerteza do resultado
PPdeG e PSdeG competiran polo primeiro posto na cidade olívica nas pasadas eleccións autonómicas. Nesa última cita dos vigueses coas urnas, finalmente os populares superaron en apenas cincocentos votos aos socialistas. O concello gobernado pola popular Corina Porro amosaba daquela a maior caída para o PP nun contorno urbano, con case sete puntos menos, dun 44,5% en 2001 a un 37,9%. Vigo, que liderou o aumento da participación entre as cidades galegas, con seis puntos por riba de 2001, doce mil cidadáns máis que se achegaron a deixar a papeleta na urna, recolleu tamén unha espectacular suba para o PSdeG, que gañaba 24 mil votos, chegando a un total de 55 mil. Pola súa banda o BNG mantivo un amplo apoio na maior cidade galega, con trinta mil votos, consolidando unha suma posíbel xunto cos socialistas para o pacto poselectoral.

En Lugo, o pulso bótao Cacharro
Por outra beira, en Lugo, onde por certo os socialistas véñense amosando convencidos de que poderán rabuñar o voto suficiente para quitarlle o poder na deputación ao PPdeG, os populares sacan ao público a rifa interna dos cacharristas coa nova dirección do partido. O alcalde de Ferrol advertira hai poucos días que "en Lugo sen Cacharro non se gaña", avisando que "poderemos dar imaxe de partido máis moderno ou de renovación, pero Francisco Cacharro é clave para o voto".

Desde a dirección do PPdeG, o vicepresidente do partido, Xosé Manuel Barreiro, enfrontado a Cacharro desde o pacto con Núñez Feijoo para a candidatura única no último congreso do partido, asegurou que "é bo que exista debate interno" pero amosouse a prol de que as discusións se fagan "fóra dos focos dos medios de comunicación".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: