Miles de gandeiros galegos, segundo os cálculos do Sindicato Labrego Galego, Unións Agrarias e Xóvenes Agricultores, concéntranse este xoves a partir das 11 horas ás portas das centrais de Suíza Foods (Leite Celta), Besnier (Lactalis) e Nestlé en Pontedeume, Vilalba e Pontecesures, como mostra de rexeitamento á baixada do leite en orixe que anunciou a industria láctea para 2006, dun 4% con respecto ao ano pasado. A situación das escasas 17.000 explotacións lácteas galegas ante a suba do prezo do gasóleo e o encarecemento de sementes, piensos ou plásticos para silos, e a baixada acumulada en todos estes anos en Galiza, onde o leite en orixe segue sendo o máis barato do Estado español, 0.29 euros/litro, "obrigan a paralizar esta baixada e sentármonos outra vez para negociar o prezo mínimo", segundo Lidia Senra, do SLG. Paralelamente, anúncianse "actos sorpresa" nos hipermercados, coa gran distribución como obxectivo.
"Esperamos que as industrias tomen nota, porque o debate debe continuar", di Senra, que remarca o "interese" das multinacionais en baixar os prezos dos produtos agrarios "para obter e recolocar materia prima". A secretaria xeral do SLG agarda unha asistencia masiva, proporcional "ao éxito das asembleas".
Desde Unións Agrarias, o discurso céntrase nos contrastes entre o discurso oficial da industria láctea, que volve argumentar razóns de mercado para xustificar a baixada, e a conxuntura real dos produtores lácteos: as marxes de beneficio da distribución non minguan e Francia segue introducindo os seus excedentes "xa non sen transparencia, senón coa desculpa da Fenil, que aproveita a situación e sanea contas a costa dos gandeiros", en palabras de Roberto García. Os gandeiros preparan "actos sorpresa" nalgunhas grandes superficies galegas para lembrar que a distribución "non pode seguir utilizando o leite como retrouso publicitario".
Nesta ocasión, a consellaría de Medio Rural non será obxectivo das críticas sindicais, contra a dinámica natural de anteriores lexislaturas. "É normal que non haxa críticas a Medio Rural porque desde o principio mediaron entre a industria e os produtores, implicándose directamente no tema", di Senra.
Medio Rural
O obxectivo do departamento que dirixe Suárez Canal é manter a interlocución entre produtores e industria e seguir convocando a Mesa do Leite. "Traballar para que, no peor dos casos, os prezos en orixe se recuperen no segundo semestre do ano", indican. Mentres, os problemas lácteos séguense acumulando. O plan de reestruturación do sector que prepara o Ministerio para 2006 -a consellaría está a preparar as alegacións- reduce a 40.000 as 163.000 toneladas de cota das que se beneficiou Galiza en 2005, sen permitir o reparto entre autonomías. Só a Federación Nacional de Industrias Lácteas (Fenil) e ASAJA-XXAA se felicitaron pola "liberalización da cota".