A conselleira de Política Territorial, María Xosé Caride, afirmou no Parlamento que o custo para o goberno das peaxes liberadas "para todos os cidadáns" é pouco maior ca o que xa tiñan os bonos de peaxe dos que se beneficiaba un número limitado de persoas. Doutro lado, Carme da Silva, deputada do BNG, lembraba que a supresión das peaxes é un obxetivo a gañar para outros treitos. Ao fío, o propio presidente da Deputación da Coruña, o socialista Salvador Fernández Moreda, reflexionaba este martes sobre a necesidade de eliminar o da autoestrada a Carballo. Mentres, desde o PPdeG fan contas e aseguran que "o pago con fondos públicos da peaxe podería financiar dúas pontes coma a de Rande ou o 80% da autovía entre Pontevedra e Vigo".
Serán 2.7 millóns de euros os que lle custe á Xunta a eliminación das peaxes de Rande e A Barcala, cantidade que fronte aos 2.4 millóns que xa se viñan gastando nas tarxetas de peaxe fornecidas para os veciños até o de agora supoñen un acordo ventaxoso para os galegos, en opinión da conselleira de Política Territorial. "Facemos o acordo universal e extensíbel para todos os cidadáns", destacou María Xosé Caride, que fixo a continuación comparativa cos 1.500 millóns de euros do custo da venda de Autoestradas do Atlántico realizada polo anterior executivo, criticando a concesión que os populares fixeron desta infraestrutura deica o ano 2048.
Sobre o asunto falou o Vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, quen destacou que o esforzo que nesta cuestión fai o goberno galego é argumento para agardar no futuro desde o executivo español "por unha compensación noutras cuestións que aínda temos pendentes". Ao fío das peaxes, a deputada Carme Silva apuntou "aínda alegrándonos da eliminación desta peaxe, hai que deixar claro que falamos desas peaxes en concreto, e non do resto", subliñando que o BNG agarda que a medida poida estenderse a outros treitos.
O PPdeG pregunta pola autovía alternativa
"Non nos dixeron a verdade o Secretario de Estado de Infraestruturas e o Secretario Xeral do PSdeG-PSOE cando dixeron que a autovía quedaría libre de peaxe no ano 2010. Agora confírmase que non se liberará nunca a Pontevedra-Vigo, e seguirá pagando peaxe 40 anos máis", laiáronse desde o PPdeG sobre o asunto.
Alberte Núñez Feijoo asegurou este martes que "co pago con fondos públicos da peaxe poderíanse financiar dúas pontes como o de Rande, incluíndo accesos e rotondas, e aínda sobrarían cartos, ou o 80% da autovía entre Vigo e Pontevedra". Desde o PpdeG aseguran estar a favor da eliminación destas peaxes "pero cunha cofinanciación da Xunta ata o ano 2010, data na que tiña que estar rematada a nova comunicación entre Vigo e Pontevedra".