Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A MINISTRA CONFIRMA QUE XUNTA E MINISTERIO PAGARAN CADA METADE DA PEAXE

Magdalena Álvarez: "En Andalucía tamén pensan que gastamos máis en Galiza"

"Neste ano chegaremos á metade do que hai que facer en total", asegurou a ministra de Fomento ao respecto da liña ferroviaria do Eixo Atlántico. En entrevista na TVG, Magdalena Álvarez, insistiu en que o goberno socialista triplicou o ritmo de investimentos nesta obra en relación ás previsións anteriores, logo de encontrar en marcha só trece dos 27 treitos totais proxectados. Por outro lado, comprometeuse a que o porto exterior de Ferrol teña as súas conexións realizadas en 2007. Iso si, no que lle toca ás infraestruturas ferroviarias a ministra confirmou que non hai novidade sobre o xa anunciado e que se "cumprirán os prazos fixados", o que na práctica supón o atraso sobre as previsións iniciais.

- 09:15 03/04/2006
Tags:

Magdalena Álvarez confirmou tamén o anuncio público deste luns para a supresión das peaxes de Rande e A Barcala, que pagarán ao 50% a Xunta dun lado e o ministerio de Fomento do outro, subliñando que está xa pechado o acordo coa empresa concesionaria.

Preguntada sobre o feito de que obras coma a da Autovía Transcantábrica avancen a máis velocidade noutras comunidades que en Galiza, a ministra comentou que "o importante é que esas comunicacións cheguen á fin", independentemente de onde se constrúan antes os treitos e asegurou que a polémica do ministerio é similar noutras comunidades que se queixan de que se inviste máis no resto. Sobre o porto exterior da Coruña criticou que o executivo anterior "metera o proxecto no caixón" no canto de envialo a Bruxelas para pedir o financiamento da Unión Europea, defendendo que foi o actual goberno o que revisou o proxecto e o axeitou aos requerimentos da UE para obter os 257 millóns de euros necesarios para a obra. De paso, cualificou de "papel mollado" o convenio asinado polo anterior ministro, Francisco Álvarez Cascos, co Concello da Coruña, e destacou que o goberno actual modificase a previsión dun 20% de vivenda pública nos vellos peiraos deica ao 50%.

A peaxe de Rande e A Barcala desaparecerá antes do verán
O presidente da Xunta confirmara xa o ruxerruxe na entrevista que este domingo publicaba o Faro de Vigo, asegurando que na axenda da ministra de Fomento para este mesmo luns na súa vista a Galiza está o anuncio do acordo acadado para a supresión da peaxe nos accesos pola autoestrada a Vigo e A Coruña. Emilio Pérez Touriño destacaba que a peaxe será definitivamente eliminada antes do verán e aseguraba que se mantén o proxecto a medio prazo da construción dunha autovía entre Pontevedra e Vigo. A Plataforma Cidadá pola Supresión da Peaxe reúnese a noite deste luns para valorar a decisión e ao fío dos primeiros datos valora positivamente o plan e anuncia festa para cando a supresión sexa efectiva.

  • Anteriores: Volven adiar o plan para a supresión das peaxes
  • Chega tarde e cunha soa vía: confírmanse os atrasos do novo tren a Galiza
  • Os alcaldes do Eixo Atlántico insisten en que o novo tren Vigo-Porto relanzaría a economía


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: