"Malia existir unha comisión interministerial que leva case dous anos traballando e do compromiso do presidente Rodríguez Zapatero de priorizar este asunto, non houbo ningún avance sustantivo cara a reparación das vítimas; e si moitos atrasos e obstáculos, así coma pouca información sobre o desenvolvemento dos traballos realizados até agora", afirma Esteban Beltrán, director da delegación estatal de Amnistía Internacional. O colectivo critica especialmente que o goberno español non atendese ás demandas de información da ONU sobre desaparicións forzadas.
De xeito concreto, Amnistía quéixase dos problemas para o acceso aos arquivos oficiais, "elemento fundamental cando se trata de reparar os danos sufridos por vítimas de crimes contra o dereito internacional e establecer a verdade sobre o acontecido". Segundo contan, vítimas e parentes seguen tendo que botar man de asociacións privadas para orientárense sobre o xeito de buscar a información, proceso que pode durar meses ou mesmo anos. Paradoxalmente, a norma legal vixente para regulamentar a actividade arquivística é un regulamento con máis dun século de antigüidade, con data de 1901.
Aproveitando o aniversario da fin da Guerra Civil, a pasada 1 de abril, Amnistía Internacional insiste en que 70 anos despois desa data as vítimas seguen agardando a que se recoñezan os seus dereitos a saber a verdade, conseguir xustiza e ser indemnizadas polos danos sufridos. Con tal motivo presentaron o informe titulado: "Vítimas da Guerra Civil e do rexime franquista: o desastre dos arquivos, a privatización da verdade", con ampla documentación sobre os obstáculos legais que teñen as vítimas para o acceso aos seus dereitos. Amnistía pide que se acelere o anteproxecto de lei que prepara o executivo neste sentido.