O aforro de moitos cartos e o establecemento dunha base sólida para o impulso da innovación son dúas consecuencias directas da aposta dunha administración polo software libre, compromiso polo que colectivos de internautas de todo o mundo veñen loitando cada vez con máis forza. Logo da xuntanza con representantes da Rede Internacional das Administracións Públicas polo Software Libre, a consellaría de Innovación, a través da dirección xeral da Sociedade da Información, comunicou a vontade da Xunta de entrar neste grupo colaborativo que xa reúne entre outros aos gobernos de Cataluña e Madrid.
Representantes dos executivos autonómicos de Andalucía, Estremadura, Madrid, Valencia, Euskadi e Cataluña participaran en xuño de 2005 na xuntanza que deu na creación desta Rede, coma impulso da chamada "Declaración de Barcelona para o avance do software libre". O goberno galego convírtese así no primeiro executivo en entrar neste grupo de traballo logo daquela xuntanza.
O goberno de Venezuela, varias administracións brasileiras, os concellos de Barcelona e Mallorca ou o Plan das Nacións Unidas para o Desenvolvemento de Bogotá, son algunhas das institucións que xa integran esta Rede, creada para a cooperación no impulso do software libre. "O obxectivo é fortalecer as relacións político-institucionais entre aquelas administracións que teñen o compromiso de consolidar o uso do software libre, deixando constancia da necesidade de traballar de xeito conxunto para difundilo, estimulalo, desenvolvelo e promocionalo como unha das ferramentas máis importantes das que dispón a sociedade para transmitir o seu coñecemento", comunicaban este xoves desde a consellaría de Innovación logo da xuntanza da directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, Elena Veiguela, co responsábel da Rede Internacional das Administracións Públicas polo Software Libre, Marcelo Branco, e representantes da Secretaría de Telecomunicacions i Societat de la Informació da Generalitat de Catalunya.