Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
TOURIÑO DILLE Á ALCALDESA DE VIGO QUE DEIXE "O VITIMISMO"

O Bloque pide "non partir de cero" no debate da área metropolitana

"Temos que aproveitar o traballo que xa se fixo", propuxo este xoves o voceiro parlamentario do BNG. Carlos Aymerich subliñaba así a vontade da súa formación de facer valer os consensos xa acadados entre os diversos axentes sociais implicados nos últimos anos no deseño da futura área metropolitana de Vigo. Mentres, o presidente da Xunta afastábase da polémica aberta polo conselleiro de Presidencia e trasladáballe a responsabilidade aos grupos parlamentarios. Ao tempo, o PPdeG priorizaba para o debate sobre a reforma estatutaria a necesidade de recoller especificamente no novo texto a existencia das áreas metropolitanas.

- 06:59 31/03/2006
Tags:

No pleno do Parlamento de Galiza do próximo 18 de abril o BNG vai instarlle á Xunta á creación da área metropolitana de Vigo. Cara a esa iniciativa parlamentaria e segundo explicou Carlos Aymerich, "non hai que partir de cero", toda vez que os puntos de encontro xa establecidos anteriormente entre as tres formacións políticas con representación parlamentaria son garantía para o futuro texto que se acorde. Aymerich explicitaba así novamente a crítica do BNG á proposta do conselleiro de Presidencia, Xosé Luís Méndez Romeu, que pedira "partir de cero" neste debate, e chamaba a evitar que o PPdeG monopolice un documento, no que na anterior lexislatura coincidiran os tres grupos parlamentarios.

Ao fío, desde o PSdeG non ven conflito na iniciativa do BNG fronte á que o propio grupo parlamentario socialista presentou esta semana, de xeito que agoiran consenso entre os dous grupos nese debate do mes que vén. Así e todo, non queda claro que se vaia responder aos prazos recomendados polos nacionalistas, partidarios de que antes do verán a Xunta presente un proxecto de lei para a creación da área metropolitana de Vigo. Logo do Consello da Xunta deste xoves, o presidente Touriño pronunciouse con cautela sobre o asunto, evitando descartar de xeito concreto o modelo proposto por Méndez Romeu para iniciar o debate desde cero.

Así, e como fixera en ocasións anteriores, Touriño remitiuse á necesidade de que a futura metrópole viguesa "non estea supeditada a nada que non sexa a visión global do país e o marco xeral das directrices do territorio". Á volta disto, indicou que a alcaldesa de Vigo, Corina Porro, non tería motivos para queixarse toda vez que a Xunta asumiu importantes compromisos coa cidade, entre os que citou o novo hospital, a Cidade do Mar, a eliminación da peaxe de Rande ou o saneamento da ría.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: