A un problema de "saturación" na actividade parlamentaria reduciu este mércores o vicevoceiro do Bloque no Parlamento, Bieito Lobeira, a negativa a introducir na axenda de debate a iniciativa sobre a área metropolitana de Vigo presentada polo PPdeG. Ao fío, socialistas e nacionalistas aproveitaron para ironizar sobre o anuncio dos populares de iren ao Constitucional para "presentar recurso a un artigo que eles mesmos aprobaran". Mentres, desde o PP Alberte Núñez Feijoo teimaba na denuncia de que socialistas e nacionalistas "queren calar o partido maioritario na Cámara fronte a un tema trascendental que lle afecta a máis de 500 mil galegos".
"Tiveron o asunto durante anos durmindo o soño dos xustos", lembroulle o deputado nacionalistas Bieito Lobeira ao PPdeG ao respecto do recente conflito sobre a área metropolitana viguesa. Lobeira subliñou que malia a negativa da xunta de voceiros a que o tema entre no abano de asuntos a discutir no próximo pleno do Parlamento de Galiza, o debate sobre a área metropolitana vaise a producir proximamente no escenario parlamentario e "non haberá ningún problema para iso".
De paso, Lobeira considerou paradoxal que os populares critiquen agora o uso do regulamento da Cámara feito por socialistas e nacionalistas, lembrándolles que fora aprobado polo PPdeG "cando tiña maioría" e malia as críticas das formacións que daquela estaban na oposición. Ao fío, convidou aos populares a participar na próxima reforma desas normas "agora que se deron conta que non valían" e agoirou que en breve prazo vaise a promover a modificación das regras que determinan a actividade no Parlamento galego.
Sobre o mesmo tema pronunciouse tamén este mércores o voceiro parlamentario do PSdeG, Ismael Rego, quen xustificou o bloqueo da proposta do PPdeG indicando que "era unha copia literal dunha iniciativa do anterior executivo que xa foi xulgada no seu momento polos cidadáns nas urnas". Así e todo, Rego non viu problema en que o debate se produza noutro pleno, aínda chamando aos populares a que "non sigan facendo o mesmo".
O PPdeG teima na denuncia
"O artigo 72.1 do regulamento, ao que se refiren o PSdeG e o BNG para xustificar a súa decisión sen precedentes leva vixente 23 anos, desde 1983, e xamais foi utilizado para impedir o debate dunha proposición de lei. Segundo a errónea interpretación que fan dese artigo, a maioría na xnta de portavoces podería impedir o debate de calquera iniciativa que non lle pareza apropiada", criticou este mércores o presidente dos populares galegos.
Na opinión de Alberte Núñez Feijoo o acontecido é evidencia do "conflito interno" que segundo explica "estase rexistrando no goberno galego, onde un grupo de conselleiros é partidario de poñer en marcha área metropolitana de Vigo, mentres que outros, co presidente da Xunta á cabeza, prefiren partir de cero nun proceso que xa fora consensuado polo anterior Executivo do PPdeG cos alcaldes, pertencentes ás tres formación maioritarias, dos 14 concellos implicados".