"É a peor situación desde que se estinguiran os dinosaurios", declarou na apertura da reunión da Convención para a Diversidade Biolóxica o secretario executivo da institución, Ahmed Ioglaf. Durante o cumio que estes días acolle a cidade brasileira de Curitiba, púxose de manifesto que a demanda de recursos do modelo de desenvolvemento actual excede en moito a capacidade do planeta para repoñelos. A presión sobre os ecosistemas ten en risco na actualidade arredor de 60 mil especies de prantas e 16 mil especiais animais.
É a oitava xuntanza deste organismo internacional que xunta representantes de máis dun cento de países, e os seus promotores láianse de que a miúdo os ataques á biodiversidade están recibindo menos atención que outros problemas planetarios, coma é o caso do quecemento global.
"A humanidade viviu sempre en harmonía coa natureza e gozou do que esta lle ofrecía. Porén, o noso vencello coa nai natureza está agora seriamente ameazado. Nos últimos cincuenta anos, os humanos cambiaron os ecosistemas máis rápido e amplamente do que fixeran en ningún outro período da historia", reflexionou o secretario executivo da Convención, Ahmed Ioglaf, no seu discurso inicial. "A capacidade do planeta para garantirlle o fornecemento das súas necesidades ás xeracións futuras xa non está garantida", advertiu.
"Debemos escoitar á natureza e responder", pediu Ioglaf. Na axenda da xuntanza está o chamada obxetivo Biodiversidade 2010, que quere poñer nas axendas das administracións políticas de todo o mundo nos próximos catro anos a necesidade de establecer medidas concretas que corrixan a situación.