Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O PPdeG PENSA EN LEVAR A PROTESTA AO CONSTITUCIONAL

O PSdeG condiciona a área metropolitana viguesa ao deseño dun modelo territorial galego

"É preferíbel adoptar un acordo sobre ordenación territorial de Galiza, para todo o país, no canto de irmos cacho por cacho". Así o opinaba este martes para os micrófonos da Cadena Ser o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, ao respecto da posición dos socialistas no recente debate sobre o futuro da área metropolitana de Vigo. O grupo parlamentario do PSdeG presentou unha proposta non de lei para a creación dun novo foro de debate sobre o futuro do contorno vigués. Mentres, desde o PPdeG din estar cavilando na presentación dun recurso de amparo diante do Tribunal Constitucional.

- 06:57 29/03/2006
Tags:

As declaracións do alcalde compostelán confirmarían así que a paralización e redeseño do proceso cara a área metropolitana de Vigo se enmarcaría na estratexia dos socialistas de impulsar desde o goberno galego "unha lei para todos, no canto dunha para Vigo, outra para a Coruña e despois outras para Ferrol, Santiago ou Lugo. Ese contexto, segundo subliñou Sánchez Bugallo, "necesita de máis tempo e de novas consultas". Nesa liña, o futuro da área metropolitana viguesa quedará venecllada ao que se estableza dentro da reforma da lei para a administración territorial galega.

Proposta parlamentaria
Nese sentido vai a proposta non de lei presentada polo PSdeG este martes no Parlamento, baseada en tres peticións: Iniciar un proceso de concertación para a creación da área metropolitana de Vigo, cos axentes económicos, sociais, e institucións locais vencelladas; impulsar a creación dun foro de debate para a creación de consensos sobre obxetivos, estruturas e funcionamento; e rematar o proceso coa aprobación das iniciativas lexislativas precisas para a creación da área metropolitana de Vigo, a cal deberá quedar encadrada dentro do novo modelo de ordenación territorial de Galiza.

"O crecemento demográfico, económico e urbano desta realidade urbana vese afectado por unha serie de condicionantes derivados da ausencia dunha organización supralocal que consiga poñerlles fin", recolle a proposta asinada polos deputados socialistas Mar Barcón, Abel Losada, Luis Toxo e Laura Seara, "no caso de Vigo, cun asentamento poboacional difuso, cun cinturón e unha área de influencia extensas, fanse precisas novas modalidades organizativas".

Aviso do PPdeG
Logo de que os populares galegos virán negada a inclusión na orde do día do próximo pleno parlamentario a súa proposta de lei para a creación da área metropolitana de Vigo, anuncian agora que poderían presentar un recurso de amparo no Constitucional. Din desde o PPdeG que o acontecido supón "un intento de socialistas e nacionalistas de amordazar a vida parlamentaria para tratar de silenciar o conflito interno que atravesa o goberno galego en relación con este asunto". "Nunca antes a xunta de voceiros se negara a incluír na orde do día a toma en consideración dunha proposta de lei", aseguran.

O voceiro popular, Xosé Manuel Barreiro, dixo ver no acontecido "a evidencia das profundas diferenzas de criterio que manteñen os dous grupos que apoian o bipartito en relación coa creación e posta en funcionamento da área metropolitana de Vigo". Barreiro laiouse de que PSdeG e BNG "co presidente da Xunta á cabeza, prefiren partir de cero nun proceso que xa fora consensuado polo anterior executivo do PPdeG cos alcaldes pertencentes ás tres formacións maioritarias dos 14 concellos implicados".


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: