Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
LINGUA E SOCIEDADE

O galego comeza a recuperarse entre a mocidade

Un estudo da sección de lingua do Consello da Cultura presentado este martes, analiza os datos de uso e competencia sobre o galego que xa ofrecera en bruto, en 2003, o IGE. Da avaliación despréndese que o galego está a frear a tendencia a perder falantes no treito de menor idade, especialmente no ámbito vilego. O estudo pódese descargar integramente dende a web do Consello da Cultura.

- 17:01 28/03/2006
Tags:

O estudo, 'A sociedade galega e o idioma', dirixido por Henrique Monteagudo e Anxo Lorenzo, analiza os datos que no seu día foran publicados polo IGE (2003), compara variábeis que ata o de agora non foran examinadas e permite extraer novas conclusións. Estas son especialmente interesantes se se cotexan cos datos que, dez anos atrás, fornecera o Mapa Sociolingüístico de Galiza, polo que se pode trazar unha visión da evolución do galego nesa década. Con todo, esas comparacións deben ser tomadas con coidado, posto que as metodoloxías usadas no estudo do IGE e no Mapa foron distintas.

Entre os principais datos resaltados por este estudo de Monteagudo e Lorenzo destaca que o galego seguiu a perder falantes entre 1992 e 2003. Con respecto á lingua habitual en Galiza, o Mapa achegaba un coeficiente de 2.97 para 1992, mentres o IGE apuntaba para 2003 un 2.89, ou sexa unha diminución do 65.7% ao 63% en número de falantes. Perder un 2.7% en dez anos é moito ou pouco? É difícil de saber, pero os datos apuntan a que, en todo caso, esa perda que vén sendo unha constante nos últimos cen anos, está a reverter.

Por exemplo, se o 65.7% dos galegos de máis de 65 anos é monolingüe en galego, esa porcentaxe vaise reducindo vertixinosamente deica o 29.4% no treito de idade entre 26 e 35 anos. Porén, entre 16 e 25 anos a porcentaxe redúcese só ata o 27%, mentres que entre os menores de 16 sobe ata o 28%. Se se suman os datos dos monolingües en galego cos da xente que declara falar máis galego ca castelán, esa positiva perspectiva redúcese ao pasar dos 48.5% dos galegos (26-35 anos) ao 43.5% dos de entre 16 e 25 anos e ao 41.9% dos de menos de dezaseis. En todo caso, parece que a tendencia á perda de falantes se frea, especialmente nos ámbitos vilegos e rurais.

Máis monolingües en galego e en castelán

Con respecto á comparación cos datos de hai dez anos, o feito que máis chama a atención é a considerábel suba dos monolingües, tanto en galego como en castelán. Se os bilingües eran en 1992 o 50.7% dos galegos, en 2003 só representan o 37.2%, é dicir, existe unha tendencia clara a crear dúas comunidades lingüísticas diferentes. En concreto, os monolingües en castelán medran do 10.6% ao 18.5%, mentres que os monolingües en galego pasan do 38.7% ao 44.4% da poboación. E onde medran eses monolingües en galego? Fundamentalmente nas vilas e tamén no rural, cando menos do que se desprende dos datos do IGE, que detectan fortes caídas do monolingüsimo galego no ámbito urbano (Pontevedra), ou lenes mantementos (Santiago e A Coruña).

Ourense e Vigo, os dous extremos da galeguización

Por cidades, a máis castelanizada é Vigo: só o 24,5% dos vigueses fala máis galego ca castelán, e ata o 47,7% é monolingüe en castelán. Seguiríalle Ferrol e logo A Coruña, cun 29.1% de cidadáns que fala máis galego ca castelán, e cun 40.9% de monolingües en español. Pola contra a cidade máis galegofalante é Ourense, cun 57.6% de persoas que fala máis galego ca castelán, seguido de Lugo (50.6%) e de Santiago (45.2%), se ben nestes dous casos os monolingües en galego superan os bilingües con predominio de galego.

Dóbrase a capacidade para ler e escribir

Polo demais, o estudo de Monteagudo e Lorenzo complétase con variábeis sobre a poboación inmigrante, sobre a clase media e o uso do galego nas cidades ou sobre o emprego da lingua e das novas tecnoloxías (p.ex., só o 6% dos monolingües en galego as empregan moito, mentres que o 65% non as usan nada; porén dos monolingües en castelán, o 33% as empregan moito e só un 28% nada). No que respecta á competencia, entre 1992 e 2003 case se dobrou a porcentaxe de galegos que sabe ler (do 45.9% ao 85.3%) e escribir (do 27.1% ao 49.8%) en galego. Tamén se sinala no estudo que o galego está especialmente ausente entre os profesionais do dereito (25%), os docentes (45.3%) e as profesións asociadas á sanidade (41%).

O lingüista Henrique Monteagudo, durante a presentación desta análise, conminou os responsábeis de política lingüística a reflexionar sobre estes datos, pero tamén fixo un chamamento á sociedade en xeral, responsabilizándoa da tarefa de normalización do galego. Monteagudo sinalou que está a aparecer un novo tipo de monolingües en galego, que é o formado por galegofalantes que non se senten presionados para falar castelán en determinados ámbitos, e por aqueles que collen o monolingüismo por elección, e que substitúe o modelo do monolingüe que só falaba galego porque non tiña ocasión ou capacidade para falar outra cousa. Monteagudo tamén chamou a atención sobre o escaso peso da escola na promoción do uso, o que cualificou de fracaso, e fixo un chamamento a mudar a política educativa con respecto á lingua e a abandonar un modelo orientado á ortografía por un que potenciase as capacidades comunicativas.


Ligazóns

0/5 (0 votos)