A tensión creada no bipartito polo reparto da política audiovisual entre as consellarías de Cultura e Presidencia -aumentada tras o traspaso unilateral do CGAI a esta última- fíxose visíbel onte durante o pleno ordinario do Consello Asesor das Telecomunicacións e do Audiovisual. Mentres o presidente Touriño insistía no seu discurso na intención de actuar "unidos" e de traballar "nunha mesma dirección, sen magnificar os pequenos desencontros nin crear problemas artificiais", a titular de Cultura aseguraba que aínda estaba "á espera da urxente e necesaria coordinación institucional que aínda non se materializou".
Así, logo de que o discurso de Touriño se centrase en gabar o momento actual das telecomunicacións e en explicar o esforzo da Xunta para dixitalizar o país -tanto na ampliación da banda larga como na recepción do sinal da radio e televisión dixitais-, Bugallo aproveitou a ocasión para artellar un discurso reivindicativo no que respecta ao papel dos departamentos de cultura con respecto á política audiovisual e á creación "dun organismo independente, con representación orgánica dos departamentos do goberno galego implicados no desenvolvemento dun sector definido como estratéxico na Lei do Audiovisual". Respondendo así ás reivindicacións do sector, expresadas polo presidente da Academia Galega do Audiovisual, Manolo Gómez, durante a pasada gala dos Mestre Mateo.
Touriño resaltou a importancia de que todos "traballemos na mesma dirección sen magnificar pequenos desencontros nin crear problemas artificiais". Porén, a conselleira puxo de manifesto a falta de "acordo e consenso", por iso pediu "a colaboración leal doutros organismos e institucións". E pasou a explicar o deseño da política de produción de contidos audiovisuais e interactivos artellado pola consellaría de Cultura, partindo da "análise da cadea de valor do producto audiovisual e definimos unha participación coordenada nas diferentes estruturas do sistema: desenvolvemento, producción, comercialización, difusión e presencia exterior". Deste xeito, repasou os principios básicos nos que se sustentan as convocatorias de axudas que o seu departamento vén de presentar e que serán publicadas esta semana do DOG: a transparencia na xestión, o afortalamento do tecido profesional e empresarial galego, e o apoio ao talento e á innovación tecnolóxica.
As axudas diríxense tanto a empresas como a creadores individuais, ofrecendo subvencións para curtametraxes, guións e desenvolvemento de proxectos. A principal novidade desta convocatoria son as axudas para a produción de curtametraxes, ás que por primeira vez poderán presentarse autores individuais e non produtoras como en anos anteriores. Preténdese así dar pulo aos novos creadores, e nese sentido tamén se aposta forte nas axudas a guión individual, aumentando a contía das mesmas até un máximo de 15.000 euros.
Todo este repaso á política audiovisual debeu pillar por sorpresa a Touriño e ao secretario xeral de Comunicación, Fernando Salgado, que non disimularon o seu malestar polo discurso de Bugallo, nun momento de desencontro que puideron ver todos os xornalistas alí presentes. E no servizo de noticias da Xunta hoxe aparece a nota do discurso de Touriño, non así a que enviou a consellaría de Cultura aos medios resumindo o discurso de Ánxela Bugallo.