No concello pontevedrés de Vilaboa, de 6.000 habitantes, están censados 210 inmigrantes marroquíes (o 18% dos inmigrantes da provincia), 157 no barrio de Paredes. A comezos de marzo, os representantes dos inmigrantes chegaran a acordo co concello para construír un local social en Paredes que substitúa a nave onde rezaban até agora, por caducarlles o contrato de aluguer. Tras a manifestación de 350 veciños o 16 de marzo, o alcalde socialista de Vilaboa, Xosé Lois Poceiro, vén de remarcar que a construcción dunha mesquita é algo "que non nos gustaría nada", facéndose eco dalgunhas das propostas do colectivo veciñal. Entre elas, a "reducción paulatina do censo de marroquíes en Vilaboa até un 10%". Segundo os veciños que se manifestaron en Paredes, o 25% dos habitantes de Vilaboa son de Marrocos.
O Foro da Inmigración, integrado por corenta asociacións, critica "a errada perspectiva" dos manifestantes e a escasa capacidade de mediación das autoridades locais. O desencontro produciuse durante unha reunión convocada pola corporación para explicarlle ao secretario xeral de Emigración, Manuel Luis Rodríguez, as vantaxes do plan municipal Convive, segundo informa o Faro de Vigo.
O propósito inicial dos veciños asociados na Federación das Salinas do Val do Ulló, reclamar "servicios de calidade", converteuse nunha demanda "de control policial do censo e control dos alugueres. O feito é que por moito que vinte inmigrantes aparezan censados nun mesmo piso, non por iso viven todos alí. Os inmigrantes non poden pagar a ausencia total dunha política de vivenda", di Xabier Ron, do Foro de Inmigración.
Segundo explica en WebIslam Mustapha El Abboubi, presidente da Asociación Marroquí de Pontevedra, "foi un malentendido. A mesquita non é unha necesidade por agora. O que queremos é igualdade, cursos de formación, o plan Convive, que nos parece perfecto... un local social. Eles teñen medo, eu non entendo nada. En Arteixo hai unha mesquita, en todos os lados hai mesquitas, pero aquí... dixéronme que máis adiante virían radicais. Necesitamos unha mesquita, pero non como en Madrid, queremos algo pequeno". El Abboubi conta con reparar o malentendido "nos próximos días".
"O da mesquita non é o principal problema dos veciños de Vilaboa, pero si o máis mediático", advirte Xabier Ron. "A menor visibilidade dos inmigrantes, maior explotación e marxinalidade social", lembran desde o Foro, desde onde se invita aos dirixentes políticos "a que exerzan realmente a súa función". "Non se pode atraer a atención sobre un problema -auga potábel, beirarrúas, aspectos urbanos...- culpabilizando a un colectivo de persoas. Esta estratexia pode converterse nun xesto de xenofobia". En Paredes apareceu algunha pintada co retrouso Moros no. Até o de agora son as menos.