Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PÍDENLLE Á XUNTA QUE SE RESPETE O CONSENSO ANTERIOR COS CONCELLOS

O PPdeG di que o novo plan metropolitano para Vigo vai adiar o proceso dous anos

"Fora consensuado cos alcaldes dos catorce concellos, pertencentes ás tres organizacións políticas maioritarias", lémbranlle desde o PPdeG ao executivo galego ao fío da recente polémica sobre a futura área metropolitana de Vigo, recordando que xa hai un texto acordado polos municipios da mancomunidade viguesa. Touriño retrucoulle aos populares que cando estiveron aco cargo do goberno galego "tiveron todo o tempo do mundo" para darlle adiante ao proxecto "e non o fixeron".

- 07:03 28/03/2006
Tags:

"O presidente da Xunta sabe que partir de cero na elaboración da lei da área metropolitana de Vigo provocará un atraso mínimo de dous anos", criticou este luns o PPdeG.

Recordámoslles que o venres pasado o conselleiro de Presidencia, Xosé Luís Méndez Romeu, decidía retirar a súa proposta sobre a área metropolitana de Vigo, criticada desde os grupos locais de todas as formacións políticas do contorno vigués por recurtar as aspiracións competenciais da futura área metropolitana e esquecer considerar o borrador xa consensuado por partidos e axentes sociais. Malia a retirada do documento, Romeu asegurou que o proceso comezará de cero, "aberto ao debate con todos os que teñan algo que dicir".

Ao respecto, os populares insisten en que xa hai "un consenso nos catorce concellos da área metropolitana de Vigo, gobernados por distintas formacións políticas" e agoiran que esquecer esa realidade e "partir de cero na elaboración da lei" vai provocar "un retraso mínimo de dous anos na entrada e funcionamento deste órgano". O PPdeG pide por isto que se "manteña o diálogo e o consenso cos alcaldes deses concellos para sacar adiante a Área Metropolitana de Vigo, un dos asuntos máis transcendentais de cantos gardan relación coa ordenación do territorio en Galiza" e nese sentido solicitan que se respete "o anteproxecto de Lei da Área Metropolitana de Vigo, aprobado e remitido ao Parlamento polo anterior goberno do PPdeG".

Ao fío, Emilio Pérez Touriño negou que vaian a producirse atrasos e indicou que lle "corresponde á nova maioría parlamentaria ter as iniciativas precisas para o impulso dun modelo territorial propio para Galiza" que segundo destacou "incluirá áreas metropolitanas potentes e axeitadas para os novos tempos". "Imos resolver as necesidades cun modelo propio", subliñou Touriño, reprochándolle aos populares que "falen de atrasos cando tiveron todo o tempo do mundo para facelo e non o fixeron".


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: