Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A XUNTA PRESENTARÁ UN NOVO DOCUMENTO

Presidencia retira o plan proposto para a área metropolitana de Vigo

O revolto escenario creado pola presentación hai poucos días e desde a consellaría de Presidencia dun borrador de proxecto para a área metropolitana de Vigo que recurtaba significativamente o potencial de competencias sobre o que se viña falando para este organismo remata ao cabo desta semana coa retirada do documento. Xosé Luís Méndez Romeu reafirmouse este venres en que aquel documento era "punto de partida válido" pero asegurou que a Xunta iniciará un novo proceso que incluirá a convocatoria de diversos sectores da área viguesa para a definición dun proxecto definitivo.

- 13:02 24/03/2006
Tags:

"Esa proposta queda deste xeito superada", recoñeceu o conselleiro de Presidencia asinando así a volta ao caixón da iniciativa presentada hai unha semana. O conselleiro asegura que a decisión se toma para evitar "malas interpretacións" e insiste en que a Xunta quere acadar o maior grao de consenso posíbel e a implicación de todos os sectores vencellados.

Diante das protestas, a consellaría promete que a partir de agora ábrese un proceso de convocatoria para os diversos sectores da sociedade de Vigo e a súa área metropolitana, "empresarios, axentes sociais, universidade, movemento asociativo, ámbito da cultura e do pensamento e as institucións". Segundo Méndez Romeu, de aquí en diante "vanse propoñer documentos estratéxicos elaborados por especialistas que permitan recoller as demandas e as propostas dun xeito sistematizado".

As necesidades de transporte, planificación e promoción económica do emprego, a planificación territorial supralocal, problemas medioambientais, cuestións de emerxencia e seguridade e os aspectos vencellados co turismo, lecer e cultura, serán os ámbitos de debate priorizados. "Non existindo condicións nin documentos limitadores previos", di Romeu, vaise a convidar ao achegamento de propostas para que "no momento no que se elabore un proxecto de Lei teña un respaldo parlamentario e institucional que faga doado chegar a unha estrutura metropolitana funcional".

O Bloque gaba o cambio de posición "Rectificar a tempo é de sabios", comentou este venres o voceiro parlamentario do BNG, Carlos Aymerich, sobre a retirada da proposta inicial da consellaría de Presidencia. "Agora será posíbel traballarmos xuntos na liña que o propio BNG xa recomendara", explicou Aymerich, para quen a necesidade de artellar unha área metropolitana no contorno de Vigo é unha urxencia imprescindíbel e "non pode rebaixarse a un simple consorcio".

Aymerich tamén opinou sobre a proposta realizada este xoves por Manuel Soto, do Partido Galeguista, solicitando que Vigo se convirta na quinta provincia de Galiza. O voceiro do Bloque cualificou de "obsoleta" esa idea, lembrando que o BNG vén insistindo en que "as provincias son entidades anacrónicas sen papel relevante" sobre as que os nacionalistas propuxeron en varias ocasións avanzar cara a "súa supresión, porque só serven para duplicar cartos sen beneficios reais para os cidadáns".


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: