Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
30 ANOS DO GOLPE DE ESTADO MILITAR

A Xunta anuncia que cooperará coas familias dos desaparecidos galegos na ditadura arxentina

Por primeira vez a Xunta de Galiza emitiu no Consello deste xoves unha declaración institucional sobre os desaparecidos de orixe galega durante a ditadura militar arxentina, da que hoxe se cumpren 30 anos. Logo da visita de Touriño a aquel país a semana pasada, na que se entrevistou coas organizacións que agrupan os familiares de desaparecidos, o presidente da Xunta anunciou o seu compromiso de, por un lado, atender "nos programas sociais e asistenciais vixentes" as familias dos cidadáns galegos desaparecidos, así como cooperar con elas para a investigación de datos familiares nos Rexistros Civís de Galiza. Ademais, a Xunta conmemorará o 30 de setembro os emigrantes desaparecidos cun programa de actos paralelo ao que xa se organiza cada ano na embaixada de España en Bos Aires.

- 18:32 23/03/2006
Tags:

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL SOBRE OS DESAPARECIDOS DE ORIXE GALEGA DURANTE A DITADURA MILITAR ARXENTINA (1976-1983)

Entre 1976 e 1983, Arxentina estivo sometida a unha ditadura militar que fixo desaparecer milleiros de cidadáns daquel país, entre eles a algúns, arredor de trinta segundo os datos coñecidos ata o momento, de orixe galega.

As súas familias levan anos demandando o apoio das institucións do Estado ás súas peticións de lembranza e apoio. Como impulso da memoria colectiva estableceron unha data conmemorativa, o 30 de setembro, na que cada ano e diante dun mural
que con tal finalidade foi instalado na Oficina Cultural da Embaixada de España en Bos Aires, se honra á súa memoria.
Na recente visita institucional do presidente da Xunta a aquel país as organizacións que agrupan aos familiares dos desaparecidos solicitarion o compromiso da Xunta de Galicia. Sendo unha reparación xusta e no ámbito das súas competencias a Xunta de Galicia comprométese a:

1.- Atender, nos programas sociais e asistenciais vixentes e no ámbito das súas competencias, familias dos cidadáns galegos desparecidos na Arxentina entre 1976 e 1983 segundo o censo establecido polo Ministerio de Asuntos Exteriores.

2.- A Xunta cooperará coas familias afectadas e co Ministerio de Asuntos Exteriores na investigación de datos familiares nos Rexistros Civís de Galicia, así como na localización doutros familiares.

3.- A Xunta conmemorará o 30 de setembro aos emigrantes desaparecidos promovendo un programa de actos.


0/5 (0 votos)