Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CESAMENTO DE FOGO DA ETA

Zapatero: "O camiño será difícil, duro e longo, e as forzas políticas debemos camiñar xuntas"

"O meu propósito é conseguir a unidade de partidos e axentes sociais para cumprir ese desexo maioritario da sociedade de vermos a fin da violencia", dixo o presidente do goberno español á saída da sesión de control ao executivo deste mércores no Congreso. "Este proceso afrontarémolo con calma, prudencia e cumprindo cada etapa co máximo consenso posíbel das forzas políticas", afirmou José Luís Rodríguez Zapatero, subliñando que o camiño se fará "sempre dentro do ámbito da democracia e da legalidade".

- 16:33 22/03/2006
Tags:

"Fago un chamamento especial á sociedade vasca, que máis directamente sufriu a dor nestes anos e que deberá ser impulsora especial para a fin da violencia. A miña confianza é plena na sociedade vasca", subliñou Zapatero, que anunciou que xa acordara logo dun primeiro contacto telefónico co lehendakari Ibarretxe, que terá unha próxima xuntanza co xefe do executivo vasco. "O desexo do goberno é contar con todas as forzas políticas, pensar na memoria das vítimas e nas persoas que traballan para a nosa seguridade", indicou o presidente do goberno español, reafirmándose na frase que xa usara hai poucos días "poderiamos estar diante do principio da fin".

Zapatero pronunciárase no mesmo sentido poucos minutos antes durante a súa intervención no Congreso, onde en resposta ás preguntas dos líderes do PP, Mariano Rajoy, e de IU, Gaspar Llamazares, destacou que "o goberno vai facer todo o que está ao noso alcance para que esta cuestión a afrontemos entre todos". De xeito especial, aseguroulle a Rajoy que "aínda que nos separaron moitas cousas nos últimos tempos eu teño o convecemento de que vostedes tamén desexan a fin da violencia" e nese sentido prometeulle que "a actitude co seu grupo vai ser de máxima colaboración e máxima información". Zapatero pediulle a Rajoy a súa axuda para que "este proceso conclúa como todos desexamos, coa fin para sempre da violencia". "Noutros momentos uniunos nesta Cámara a dor", dixo Zapatero, "agardo que agora nos una a esperanza".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: