Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PRIMEIRAS REACCIÓNS

Optimismo e prudencia de axentes sociais e políticos

"Desexamos que isto sexa o comezo da fin", pediu a vicepresidenta María Teresa Fernández De la Vega na primeira valoración desde o goberno español ao comucado da ETA. Coma voceiro do PSOE no Congreso, Rubalcaba subliñaba que "é un momento para a esperanza e a unidade dos partidos". En Euscadi, o secretario xeral do sindicato ELA, José Elorrieta, opinou que "é unha gran oportunidade para un proceso soberanista civil e democrático" ee Mikel Arana, voceiro da presidencia de EB, dixo que "o paso da ETA merece pasos do goberno español".

- 13:12 22/03/2006
Tags:

María Teresa Fernández De la Vega, vicepresidenta do goberno: "desexamos que isto sexa o comezo da fin"
"Estamos diante dunha gran noticia para todos os españois", afirmou a vicepresidenta do goberno na que é a primeira valoración desde o goberno ao anuncio de tregua da ETA. "Toda cautela é pouca, e agardo que todos acompañen ao goberno nesta prudencia", indicou De la Vega, insinuando malia todo que o novo escenario fará que o goberno deba tomar unha serie de decisións políticas "para as que agarda todo o apoio posíbel nesas decisións que se tomen". "O noso desexo e vontade é que isto sexa o comezo da fin", agoirou a vicepresidenta.

Iñaki Anasagasti, senador do PNV
"Pedimos que non se mire este comunicado con lupa. O importante é a palabra permanente, que significa definitivo", opinou Anasagasti, "é o momento da política con maiúsculas". "Haberá quen queira ver isto en relación ao que o presidente do goberno español insinuara durante o debate do Estado da nación ou mesmo da recente aprobación do Estatut de Cataluña", advertiu, "pero o máis importante é vermos que significa o principio da fin do conflito". O senador do PNV dixo confiar en que a madureza da sociedade "permita asegurar que este sexa un paso definitivo".

Alfredo Pérez Rubalcaba, voceiro do PSOE no Congreso: "é un momento para a esperanza e a unidade dos partidos"
"Constitúe unha boa noticia para todos que poidamos á fin albiscar un horizonte sin violencia", comunicou Alfredo Pérez Rubalcaba na primeira valoración oficial desde o PSOE ao cesamento de fogo da ETA. Rubalcaba dixo que "é un momento para sermos cautos e serenos e tamén para lembrarmos ás vítimas" e engadiu que "tamén é un momento para a esperanza e máis que nunca para a unidade dos partidos políticos".

José Elorrieta, secretario xeral do sindicato ELA: "É unha gran oportunidade para un proceso soberanista civil e democrático"
"Era unha decisión moi agardada, case con ansiedade", subliñou este mércores diante dos micrófonos de Radio Euskadi o secretario xeral do sindicato nacionalista ELA, quen opinou que "chega como resultado dun intercambio e unha negociación discreta". "É unha gran noticia", subliñou Elorrieta pedindo que se faga "unha valoración política en sentido positivo" a unha decisión da ETA "cara á que a sociedade presionou e á que a ETA respondeu" e da que o voceiro de ELA agarda que "sexa un signo definitivo cara á paz". Na opinión de Elorrieta "o goberno español non tén agora escusa para avanzar no proceso de paz e na blindaxe dese proceso para que sexa irreversíbel" e "o presidente do goberno español tén agora unha enorme responsabilidade que non pode deixar pasar".

Mikel Arana, voceiro da presidencia de EB: "O paso da ETA merece pasos do goberno español"
"Esta decisión cédelle a palabra á sociedade vasca e non debera significar que a ETA se autoconceda un papel protagonista no proceso que agora se abre", opinou para Radio Euskadi o voceiro de presidencia de Ezker Batua, Mikel Arana. "Os axentes sociais e políticos non debemos perder a oportunidade de colaborar neste proceso", indicou. Arana dixo que "é importante que a este paso da ETA lle sigan pasos do goberno español. Son necesarios xestos como o achegamento de presos, a planificación das políticas penitenciarias, o establecemento dunha mesa multipartita...". Ademais, na opinión de Arana e unha vez que chega a fin da "loita armada" débese "instar ao poder xudicial a que se implique neste proceso". O voceiro de EB dixo dubidar da vontade do PP de implicarse inicialmente nesta mesa de todos os partidos, e insistiu en que os populares "deberan ter en conta que a sociedade reclama que todos se sumen a este esforzo a prol da paz".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: