Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PRIMEIRAS REACCIÓNS

Quintana pide prudencia e "valentía política"

O vicepresidente da Xunta e portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, pediu "prudencia" diante do anuncio dun cesamento de fogo da ETA e advertiu que, se finalmente se confirma, cómpre que todos os grupos actúen con "altura de miras" e "valentía política".

- 16:47 22/03/2006
Tags:

"Agardamos con ansiedade e con alegría que o que di o comunicado se confirme", dixo Quintana, quen se mostrou convencido de que nese caso todos os grupos saberán "estar á altura das circunstancias" e ter esa "valentía polícia", xa que o momento actual non é "o de agocharse" nin o do "retruque político e o partidismo". "Non se pode usar isto para tirar réditos", advertiu.

Comunicado do BNG
Nun comunicado de prensa logo do anuncio do cesamento ao fogo da ETA, a Executiva Nacional do Bloque Nacionalista Galego chama ás forzas políticas democráticas "a que reforcen a súa unidade e a que exploren todas as oportunidades para conseguir a paz que se abren agora en Euskadi". Para o BNG, "só desde a irresponsabilidade máis sectaria se pode non considerar positivo o escenario que se abre agora en Euscadi, por máis que o proceso que comeza será sen dúbida longo e non exento de moitas dificuldades e non poucos riscos".

"Estamos perante unha oportunidade histórica despois de moitas décadas de sufrimento e de barbarie, polo que cumpre que todos os axentes políticos e sociais estean á altura das circunstancias e sexan suficientemente responsábeis para poren os intereses xerais por enriba de calquer conveniencia particular", advierte o BNG, ao tempo que lembra "que hai xa unha folla de rota, un mandato do Congreso dos Deputados, previsto para o momento en que ETA fixese pública a súa intención de pór fin á súa actividade terrorista".

Segundo a Executiva Nacional, "esa folla de rota é a que debe presidir agora a actuación das forzas políticas democráticas na perspectiva de avanzar sen posibilidade de nengún retroceso cara a definitiva pacificación de Euscadi".


0/5 (0 votos)