A Plataforma Nacional de Asociacións de Profesores de Informática (PNAPI) convocou para hoxe unha xornada de folga xeral estatal de profesores de Informática e unha manifestación en Madrid. Reclaman que a nova Lei Orgánica de Educación (LOE) inclúa como asignatura obrigatoria no ensino secundario a Informática.
España e Italia son os únicos países da UE sen Informática obrigatoria no ensino medio, unha asignatura que a UNESCO recomenda impartir nesa franxa escolar, porque "é considerada hoxe por moitos países como unha parte primordial da educación, igual que o son a lectura e a escritura". Ademais, os mestres de Informática expresan con esta protesta a súa queixa pola atribucción docente da Tecnoloxía para este sector do profesorado, que realizou a oposición para impartir aulas de Informática. Segundo a PNAPI, que os profesores de Informática impartan Tecnoloxía é unha situación inaudita no resto da Europa.
En Galiza apoia as reivindicacións da PNAPI a Asociación de Enxeñeiros de Informática (AEIG), que considera a asignatura "imprescindible" para sacar ao estado da cola de Europa en desenvolvemento da sociedade da información.