"En Florianápolis, seguro que todos os deputados presentes saben onde está, a Xunta si tiña xa unha oficina", apuntou Emilio Pérez Touriño no medio do debate sobre emigración co líder da oposición, Alberte Núñez Feijoo, que teimou en que a anunciada oficina da Xunta en Bos Aires xa existía. "E ten un custo de 61.480 euros ao ano, ou dito doutra maneira, que representa unha retribución mensual de seis mil euros para a persoa encargada, un salario que por certo supera en moito ao do propio presidente de Brasil, Lula da Silva", indicou o presidente da Xunta.
Touriño asegurou que o bipartito non puidera aínda anular o contrato para o establecemento desa oficina da administración da Xunta na cidade de Florianópolis, e acusou ao anterior executivo de telo amarrado deica xuño de 2006. Segundo o presidente, desa data en diante vaise rematar "con semellante abuso", que "non será renovado logo da súa expiración". Touriño tamén se referiu criticamente a un elevado investimento acordado polo PP cunha empresa arxentina para a realización dun informe pouco claro sobre a emigración galega en Bos Aires. "Os servizos competentes da Xunta non foron capaces de identificar nin o fundamento nin a utilidade dese contrato", criticou.
O líder do executivo galego asegurou que haberá oficinas da Xunta en todos aqueles países "en que se xustifiquen pola ampla presenza de intereses galegos", caso tamén de Brasil, pero prometeu que o establecemento destas oficinas formará parte do Plan de Acción Exterior que prepara o executivo e que se formalizarán "con total transparencia e sobre a base dun acordo formal do Consello da Xunta" tanto no que á propia oficina lle corresponde como ao delegado que se poña ao cargo.
A función das oficinas exteriores
"Será unha auténtica embaixada de representación e de defensa dos intereses económicos, comerciais, culturais e da relación e interrelación co mundo da emigración", explicou Pérez Touriño sobre o funcionamento destes departamentos. "Deben xogar un papel especial de interlocución diante de autoridades locais, e apoiar con amplitude a promoción da defensa dos intereses xerais de Galiza", detallou indicando que atenderán "aos intereses comerciais, a promoción de investimentos, a continuación do contacto e a defensa da relación coa comunidade galega no exterior e á promoción das relacións institucionais da Xunta". O presidente da Xunta definiu de "salto cualitativo nas relacións exteriores e na presenza internacional" a viraxe na política do bipartito neste eido.