Houbo consenso este luns entre os catorce alcaldes da mancomunidade viguesa, tanto de PPdeG, como PSdeG e BNG, en rexeitar o borrador achegado pola consellaría de Presidencia, que recurta significativas competencias da futura área metropolitana, e en esixirlle ao executivo galego unha xuntanza urxente sobre o asunto para aclarar a situación. Na mesma xornada, o conselleiro Méndez Romeu quitáballe ferro á polémica e aseguraba que o texto presentado está aberto á negociación para todo tipo de modificacións.
Malia o desacordo coa toma de iniciativa realizada pola alcaldesa de Vigo, Corina Porro, durante a fin de semana, proceder que desde outros gobernos municipais cualificaron de pouco diplomático, houbo consenso entre rexedores populares, socialistas e nacionalistas en pedirlle ao conselleiro de Presidencia unha reunión para aclarar os puntos polémicos do proceso.
No malestar polo borrador enviado coincidiron alén dos populares, coincidiron así o resto de alcaldes, caso do socialista Xaime Rei, de Redondela, ou o nacionalista Raúl Francés, do Porriño, que lle lembraron ao goberno que xa existía dun documento válido sobre o que negociar. Así, a postura oficial desde a mancomunidade pasa por que o executivo recoñeza a validez da proposta xa esbozada anteriormente e, alén das modificacións que puideran contribuír a mellorar o proxecto, permita que o proceso siga os trámites que debera cando o adianto das últimas eleccións autonómicas freou o seu trámite no Parlamento galego.
A Xunta promete diálogo
"É un primeiro documento de traballo", aseguraba o conselleiro de Presidencia, prometendo diálogo ao respecto das "modificacións e engadidos" que sexan necesarios. Segundo Xosé Luís Méndez Romeu, a polémica xorde porque "se cadra non se explicou ben" o texto que se presentou, aínda que tamén insinuou que "pode que a alcaldesa non o entendeu ben".
Romeu volveu insistir no modelo de diálogo que se conseguiu para o Pacto Local, e agoirou que no caso das negociacións cara á Área Metropolitana de Vigo a Xunta agarda un proceso similar de "diálogo fecundo". "O debate vaise facer arredor dunha mesa e con propostas concretas", indicou. "trátase de ir ordenando ideas sobre aspectos fundamentais do que debe ser un proxecto metropolitano".