Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ESTUDANTES E CENTRAIS MANTEÑEN AS MOBILIZACIÓNS

O sindicatos ameazan coa folga xeral se Villepin non retira o CPE

"Cómpre darlle unha oportunidade ao CPE (o contrato para menores de 26 que permite o despido sen xustificación nos primeiros 24 meses). Un CPE completo, mellorado, para responder ás inquedanzas de cada un", di o primeiro ministro francés, Dominique de Villepin, na entrevista publicada este luns no semanario xuvenil francés Citato despois da multitudinaria manifestación do sábado, con máis dun millón de franceses na rúa. As coordinadoras estudiantís, reunidas en Dijon, votaron na madrugada pola folga interprofesional até a retirada do CPE, convocando mobilizacións para o martes e o xoves, segundo informa Libération. Segundo a sondaxe do diario francés, o 71% dos franceses atribúen a actual situación a unha crise social "fonda e duradeira".

- 13:46 20/03/2006
Tags:

O chamamento de Dijon quere implicar a todos os estudantes, incluídos os de secundaria, asalariados, sindicatos e precarios en xeral. Os sindicatos reúnense este luns; FSU, FO e CGT ameazaron con convocar folga xeral se hoxe non se retira a reforma laboral. Da xuntanza que este luns manterá Villepin cuns e con outros sairá o vindeiro calendario de mobilizacións ou, segundo a estratexia do Goberno francés, tempo para negociar mediante unha suavización dos termos do CPE.

Na polémica entrevista de Citato, que segundo o semanario se realizou o domingo, Villepin exclúe a posibilidade de retirar o CPE, anque afirma "sentir" que o método empregado -decreto-lei- provocara "incomprensión". "Estou convencido de que o CPE creará novos empregos", di Villepin, que remarca o actual 23% de desemprego xuvenil. Le Monde recolle un feixe de declaracións de recoñecidos notábeis da dereita francesa que falan da "imposibilidade" de cambiar unha lei "polo que se diga na rúa", mais todos lembran en Francia a demisión de Eduard Balladur, obrigado a retirar outro contrato para xoves pola protesta popular.


Ligazóns

0/5 (0 votos)