Bautizárana coma "habitación negra" e era un antigo espazo que durante o rexime de Sadam Hussein xa se usaba para a tortura de presuntos disidentes. Segundo publicou este domingo The New York Times, o exército estadounidense reconvertiuna para a mesma fin: un lugar para o interrogatorio de detidos onde "non había regras".
Insultábanos, cuspíanlles, queimábanos con cigarrillos e dábanlles brutais malleiras. Tal era o trato que, coa beizón da CIA, recibían os presos que pasaban pola chamada "habitación negra" do aeroporto de Bagdad, antes de seren trasladados á prisión de Abú Ghraib, da que xa se coñeceran anteriormente graves casos de abusos. O New York Times recolle datos reunidos pola Asociación Americana de Liberdades Civís, que inclúen as declaracións dun axente do FBI que visitou Iraq en 2004 e denunciou despois con detalle as torturas cometidas naquel lugar.
Encargados dos interrogatorios eran os membros da unidade militar Task Force 6-26, creada no seu día co obxetivo de capturar o presunto líder de Al-Qaeda en Iraq. O lugar foi pechado no verán de 2004, momento no que a unidade se trasladou ao norte de Bagdad, ao lugar de Balad, onde seguirían levando a cabo operacións de alto secreto das que non se coñecen detalles. Durante a súa estancia en Bagdad e segundo recolle o New York Times, o lema destes soldados era: "se non lles fas sangue non ten poden procesar".