Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A ALCALDESA CUALIFICA DE "TOMADURA DE PELO" A PROPOSTA RECIBIDA

Entre o "borrador" e o "engano": Xunta e Concello de Vigo rifan polo futuro da área metropolitana

"É un texto que pretende cargarse todo o que se fixo deica agora", denunciaba esta fin de semana a alcaldesa de Vigo, Corina Porro, logo de coñecer a proposta de lei de área metropolitana elaborada pola Xunta de Galiza. Porro dixo ver intereses electorais no documento. Mentres, o vicevoceiro parlamentario do PSdeG, Abel Losada, acusaba a Porro de usar o seu cargo "para a confrontación política co goberno galego porque as enquisas non lle cadran e está nerviosa". Ao tempo, desde o grupo municipal vigués do BNG acusaban á consellaría de Presidencia de "dinamitar a área metropolitana" e cargaban tamén contra alcaldesa achacándolle que "semella que só é voceira do seu partido".

- 08:19 20/03/2006
Tags:

"O que nos chegou non é un borrador sobre a área metropolitana, senón outra cousa distinta que á cidade de Vigo non lle interesa", criticou a alcaldesa de Vigo. Nos micrófonos da Radio Galega, Corina Porro cualificou de "tomadura de pelo" o texto remitido desde a consellaría de Presidencia e laiouse de que a Xunta "parece que non quere cederlle conpetencias a unha poboación de máis de medio millón de cidadáns". Segundo Porro, trátase dunha proposta "inaceptábel" e "desleal" que "ningunea o traballo dos últimos anos". A alcaldesa do PPdeG dixo ver intereses electorais na viraxe da administración galega, referíndose ás próximas eleccións municipais e mesmo ao demorado proceso da propia lei metropolitana para o contorno da Coruña.

Entre outros puntos polémicos, o texto, que adía a súa aprobación deica o ano 2008, evita fixar a sede da área metropolitana na propia cidade de Vigo e introduce un sistema de veto que privilexia esa posibilidade para un pequeno número de concellos sobre o total de 26 que integrarían a área. Ao respecto, o presidente da Xunta insistía esta fin de semana en que se trata "só dun borrador de traballo que hai que discutir" e subliñaba que "o espírito e a idea da consellaría de Presidencia é de traballar na mesma liña que se traballou no Pacto Local, onde non se coñeceron titulares nos medios de comunicación e non se saíu sobre ningún borrador previo, sobre os cales normalmente hai centos de papeis, a montar titulares nos medios de comunicación".

Máis belixerante foi o vicevoceiro do PSdeG no Parlamento, Abel Losada, quen criticou que Corina Porro "use o seu cargo para a confrontación política co Goberno galego" acusándoa de caer "no histrionismo cando lanza un discurso vitimista sobre o papel de Vigo na área metropolitana, respondendo a un mero documento de traballo que nin sequera é un anteproxecto de lei". "Semella que hai a quen lle molesta que o Goberno consulte coa cidadanía e coas organizacións os proxectos de lei que elabora. A nós parécenos positivo esta forma de facer as cousas, dialogando e preguntando as inquedanzas", afirmou Losada, quen tamén insistiu en que o bipartito sacará adiante "unha ordenación territorial na que queden definidas as áreas metropolitanas, e sen ningunha dúbida a de Vigo, cousa que o PP non quixo facer en dezaseis anos de maiorías absolutas".

Na polémica tamén entraron os representantes do BNG na área municipal da comarca viguesa, reunidos de urxencia esta fin de semana para a análise da situación. O Bloque vigués cualifica de "irresponsábel" o borrador presentado pola Xunta, asegurando que "remata cun consenso de anos". De xeito concreto advirten que "tratar de converter a área nun acordo de consorcios de servizos entre concellos é algo que xa permite desde 1985 a actual lei de bases do rexime local".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: