Diante da gran invasión armada de Iraq, o Seminario Galego de Educación para a Paz empregou toda a súa intelixencia e todo o seu corazón en denunciar o inxustificable atropelo que supuxo o comezo daquela guerra, e promoveu, xunto con outras organizacións da sociedade civil galega, a constitución da Coordinadora Galega pola Paz, que foi quen de mobilizar á cidadanía en múltiples manifestacións de protesta: "os galegos, pacificamente insurrectos", en expresión feliz de Suso de Toro, e así inundamos as rúas de tódalas cidades e vilas galegas, en son de paz...
Non podemos parar aquela atrocidade pero canto menos sentímonos copartícipes de amasar ese pensamento que contribuíu a que o novo goberno español decidira corrixir aquel desatino e resolvera a inmediata saída das tropas españolas desmarcándose definitivamente do lamentable trío das Azores.
Seguindo ó xurista italiano, Luigi Ferrajoli en "Razones jurídicas del pacifismo" podemos afirmar que a guerra converteuse nun "mal absoluto", sen xustificación, porque resulta incontrolable na medida en que os seus danos colaterais sobre vítimas civís veñen sufrindo un medre exponencial en cada contenda, porque resulta desproporcionada nos seus efectos no tempo, porque destrúe vidas e futuros, infraestruturas produtivas de primeira necesidade, condenando á poboación máis necesitada a sufrir esas carencias por moitos anos.
A guerra non abre espazos de convivencia para o futuro. Todo o contrario, incrementa os odios e a ira, alimenta con rancores as caldeiras das vinganzas. Supón, polo demais, un intento falido de imposición dos valores democráticos occidentais pola forza, resultando obviamente contraditorio co método de aprendizaxe e a promoción da cultura da paz e os dereitos humanos.
Pois ben, o balance desta guerra inacabada está sendo aínda moito peor do que supoñiamos daquela. Iraq segue a ser un país profundamente inseguro, no que os atentados terroristas producen vítimas indiscriminadas, non só entre os militares ocupantes senón entre os diferentes grupos da poboación civil ocupada que vive, tamén, unha auténtica guerra civil non declarada.
Estanse aprobando partidas orzamentarias en EE.UU. asignadas a determinados grupos económicos e financeiros por influencias e amiguismos, co que ó negocio da guerra segue o obsceno negocio de tentar reconstruír "só por uns" o que previamente destruíron.
A detención do tirano Sadam Huseim non abriu espazos para a convivencia democrática senón que desatou o natural clamor contra dos invasores, a quen ninguén parece agradecerlles a súa suposta liberación, e ten promovido dramáticos axustes de contas entre os grupos antagónicos que rivalizan por copar áreas de poder.
Porque, como podemos observar, non se pode reinstaurar un réxime político democrático, que nunca existira con anterioridade, nin tampouco fomentar, mediante bombardeos e violencia, a cultura da paz e os dereitos humanos.
E tampouco apareceron as supostas armas de destrución masiva. Polo contrario, o absoluto desprezo polas regras do Dereito Internacional, por parte da coalición invasora, si ten suposto a utilización dunha poderosa arma de destrución masiva da convivencia pacífica dos pobos dilapidando un patrimonio xurídico construído pacientemente co esforzo de moitos. A doutrina estes días renovada do "ataque preventivo" resulta un eufemismo que se parece cada vez máis ó terrorismo de estado no que se consagra a utilidade e a eficacia do uso da forza para acadar un interese egoísta
inconfesable, como é, o control do petróleo e da rexión.
A pretendida superioridade dos "estúpidos homes brancos", que diría Michael Moore, quedou ben demostrada en Guantánamo, en Abu Graib.... e no subarrendamento de torturadores en países ós que son trasladados os presos en vos clandestinos. E iso envilece a todos polo cinismo dos que os envían, pola humillación dos que deciden recibilos, pola covardía dos que miran cara a outro lado...
A simpleza maniquea do "eixe do ben fronte do eixe do mal" disparou neste lado unha inxustificable sospeita contra do mundo islámico, e naquel, multiplicou as razóns para o odio contra os novos "cruzados". Os incidentes desatados a propósito das desafortunadas viñetas de Mahoma son un claro expoñente da altísima temperatura de
enfrontamentos que se están a vivir, e que aumenta o clima xeral de inseguridade mundial.
A Alianza de Civilizacións que propugna o mutuo coñecemento, o diálogo tolerante, e a cooperación pacificadora, pode e debe ser unha vacina eficaz que cure o "matonismo" anacrónico para conxurar o perigo de que volvamos a instalarnos nunha detestable violencia.
E para elo resulta esencial abandonar o dobre raseiro no enxuizamento dos incumprimentos das resolucións internacionais: os saharauís esperan pacientemente hai xa demasiados anos, pero son menos fortes que Marrocos... os palestinos tamén esperan, pero son menos fortes que Israel... e así sucesivamente.
Si a razón do Dereito non sirve para nivelar as forzas militares desiguais estamos cargándonos toda a arquitectura xurídica levantada pouco a pouco, con tanto esforzo, logo do nacemento das Nacións Unidas.
Por iso hoxe, como onte, temos que ser conscientes de que estamos en alerta roxa fronte da divulgación do pensamento único, e "existe unha maneira de contribuír á defensa da Humanidade que é non resignarse" en palabras de Ernesto Sábato, e iso implica seguir pensando e seguir conmovéndonos, coa cabeza e co corazón, para apostar por erradicar o "matonismo" en tódalas frontes, sementando sementes de concordia e de cooperación solidaria.
Porque abolir a guerra, como diría Cora Weiss, segue a ser un imperativo moral do novo século...
Declaración Institucional da Xunta Directiva do Seminario Galego de
Educación para a Paz (Fundación Cultura de Paz).
17 de Marzo de 2006. Santiago de Compostela.