Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
60 DAS 84 UNIVERSIDADES SEGUEN PECHADAS

Un 68% dos franceses, contra os 'Contratos Precariedade Eterna'

Despois da simbólica toma da Sorbona polos estudantes universitarios, as primeiras manifestacións conxuntas cos sindicatos de clase e a paralización de 60 das 84 universidades francesas, ás que se lles van sumando os institutos de secundaria, a nova revolta francesa "contra o medo ao futuro", segundo a definen algúns analistas para diferenciala do anterior asalto á Universidade -1968- segue sumando apoios na sociedade francesa. Le Monde publica este venres o resultado das últimas sondaxes: o 68% dos enquisados desexa a retirada do contrato de primeira contratación que permite despedir aos xoves contratados menores de 26 anos antes de dous anos, con 15 días de preaviso e sen indemnización. Máis de 250.000 persoas manifestáronse en toda Francia este xoves, con 187 detidos. O sábado agárdase que a resposta sexa maior.

- 14:32 17/03/2006
Tags:

A sondaxe, que reflicte o resultado das enquisas do 15 e o 16 de marzo, reflicte unha subida de 13 puntos con respecto aos resultados do 8 de marzo. Fronte á multitudinaria manifestación que se agarda para mañá, o 63% dos enquisados dixo ter unha actitude "de simpatía".

O primeiro ministro, Dominique de Villepin, pretende agora negociar unha reforma laboral imposta por decreto-lei, e ao tempo recoñece que defenderá o CPE "até a fin". O presidente francés, Jacques Chirac, abandonou o seu silencio para falar de "responsabilidade", e dixo que o Goberno "está disposto ao diálogo" se os sindicatos volven á mesa de negociación.

Bruno Juillard, un dos dirixentes estudiantís máis mediáticos, simplificou a cuestión: "Non pedimos a dimisión nin de Villepin nin de Chirac. Só queremos a retirada do CPE, nada máis".

Aos estudantes preséntaselles agora o problema dos exames. Asociacións conservadoras de alumnos universitarios están a recoller sinaturas -teñen 36.000- e denunciando unha situación que lles impide "volver ás clases".

Disturbios por SMS?

"Traslademos a Barcelona a revolta iniciada en Francia". Esta é a mensaxe que, segundo a policía francesa, están trasladando "grupos de activistas antisistema, extremadamente violentos" con vistas ao Cumio Euromediterráneo dos días 27 e 28 de marzo na capital catalá.

"Pedín ás forzas da orde que sexan moi severas cos violentos e que protexan ao máximo aos manifestantes", asegurou o ministro do Interior, Nicolás Sarkozy, na súa nova estratexia de moderación despois de chamar lixo social aos fillos e netos de inmigrantes durante os disturbios de novembro de 2005. Tras a blindaxe da Sorbona, os incidentes en París estendéronse polo Barrio Latino e acabaron o xoves no bulevar Saint-Michel.

Á espera do que aconteza nas mobilizacións do sábado, o Goberno francés tenta evitar a repetición dunha folga xeral como a de outubro de 2005, cun millón de persoas na rúa e un 75% de apoio popular.


0/5 (0 votos)