"O grupo que goberna no concello non di nada, e o PP local tampouco", sinala Beatriz Amigo, a responsábel da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH). O principal acto de homenaxe ás vítimas da ditadura dos habidos até o de agora neste Ano da Memoria celébrase o venres ás 19 horas no paraninfo da Universidade coruñesa (UdC) porque o Concello -di Amigo- "non só non nos deu nin un peso, senón que nos obrigaba a pagar 1.398'13 euros polo aluguer do teatro Rosalía, de propiedade municipal, cando sempre o cede gratuítamente a entidades sen ánimo de lucro como a nosa". A mesa informativa da CRMH estará no Obelisco este xoves, de 17 a 21 horas.
A CRMH da Coruña pedira a cesión do teatro Rosalía -onde antes estaba o vello Goberno Civil- en xaneiro de 2005. Despois de catro cartas aos responsábeis de Cultura do concello coruñés, e a súa esixencia de 1.398,13 euros en concepto de aluguer, desistiron. Tamén pediron unha declaración conxunta dos grupos municipais solicitando o seu apoio ao acto deste venres, que debería substanciarse por escrito no vindeiro pleno.
Nin o PP local nin o grupo socialista no Concello matizaron aínda as queixas da comisión, e só o BNG manifestou o seu apoio "total" á iniciativa. Según a CRMH, haberá representación tamén da Deputación coruñesa -non así da Delegación do Goberno-, e do grupo socialista que goberna en Carral. A posibilidade de que poidan sumar o mesmo venres non quita, en palabras de Amigo, "un desinterese inexplicábel. Coma se non houbese represariados socialistas".
De se confirmaren as probábeis ausencias de Losada (PSdeG) e Corcoba (PP), sería o voceiro nacionalista, Henrique Tello, o único representante institucional do concello coruñés nun acto de homenaxe ás vítimas da ditadura. Asistirán tamén a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, o reitor da UdC, José María Barja, e unha nutrida representación de partidos, sindicatos, fundacións, asociacións e entidades de toda Galiza. Do mundo da cultura, entroutros, asistirán Manuel Rivas, Teresa Suárez, Xesús López Varcálcel, Pilar Pallarés, Marica Campo, Cesáreo Sánchez, Henrique Rabuñal e Serafín Mourelle, coas músicas de Miro Casabella, Paco Lodeiro, A Quenlla, Xosé Taboada e Cántigas da Terra, presentados por Xurxo Souto.
As palabras dunha representación das vítimas e represariados constituirán o acto central: Antón Santamarina, fillo de militar leal á República; Elvira Varela, filla da mestra represariada do mesmo nome; Pepe Rei, fillo de anarquista, e Teresa Villar Chao, filla de Ramón Villar Ponte, fundador das Irmandades da Fala. Todos eles membros desa segunda xeración de fillos de "roxos e separatistas", segundo os sumarios da época.
A homenaxe conta coa colaboración da Vicerreitoría de Extensión Universitaria e Comunicación da Universidade da Coruña, a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia e a Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia.