Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PLAN DE INSPECCIÓN 2006-2007

Un grupo de inspectores buscarán ilegalidades urbanísticas nas "zonas sensíbeis" do país

Sen necesidade de que exista denuncia previa, o grupo especial de 17 inspectores asignados a este plan recorrerá a xeografía galega para a detección de irregularidades urbanísticas. A consellaría de Política Territorial presentou o proxecto este mércores, ao tempo que se destacaba que haberá unha atención especial para as consideradas zonas sensíbeis: o ámbito do Camiño de Santiago, as zonas costeiras, os espazos naturais, as beiras do Miño e do Sil e as cualificadas coma zonas verdes e espazos libres públicos dos concellos.

- 08:05 16/03/2006
Tags:

Nestas zonas de control especial, a consellaría estableceu que os servizos provinciais de urbanismo e inspección territorial fagan como mínimo unha visita cada mes en diversos treitos de franxas litorais, contornos fluviais e espazos de uso público, e visiten cando menos catro predios de solo rústico que fosen obxeto de expedientes de autorización autonómica resoltos nos tres anos anteriores, tanto ás construcións que foron autorizadas como ás lugares onde foron denegadas.

Os inspectores pasan así a actuaren de oficio, sen necesidade de que exista unha denuncia previa, percorrendo o país na busca de irregularidades, inspeccionando obras en execución e solicitándolle as licenzas e autorizacións aos responsábeis das obras. No caso de ilegalidade, levantarán acta da infracción de xeito inmediato e elaborarán a correspondente denuncia. O paso seguinte será a demolición ou restauración da legalidade, que en caso de non cumprirse levará a multas cada dous meses.

Haberá tamén vixiancia sobre áreas afectadas por modificacións dos plans urbanísticos coa fin de detectar casos onde se pretendan legalizar situacións irregularidades a través de cambios no planeamento.


0/5 (0 votos)